Teatro Ghazafelhos xunta dous peculiares cosmonautas en "3, 2, 1...", nova cita con Domingos do Principal
Por Redacción
Antes da obrigada semana de descanso con motivo do entroido, o ciclo de teatro infantil Domingos do Principal ten programada unha nova cita. O Teatro Principal acollerá este domingo 8 de febreiro, en sesión dobre ás 12.00 e ás 18.30 horas, a representación do espectáculo 3, 2, 1... da compañía galega Teatro Ghazafelhos.
Trátase dunha obra de teatro xestual e mímica, acompañado da manipulación de monicreques e obxectos e moita música.
Nela, un astronauta chega a un planeta descoñecido. Alí encóntrase cunha extraterrestre que tamén chegou de exploración. Despois do estraño encontro os dous cosmonautas comezan a convivir descubrindo sentimentos que xamais sospeitarían ter.
O espectáculo desta compañía, procedente de Narón, é unha montaxe repleta de humor e tenrura que promete chegar ao corazón dos espectadores pontevedreses.
Ten unha duración aproximada de 55 minutos e está recomendada para nenos a partir de cinco anos.
As entradas, para todos aqueles que non adquirisen o bono, pódense conseguir en www.servinova.com. En caso de non se esgotar, estarán dispoñibles no despacho do Teatro Principal dende unha hora antes do inicio da función.