O pontevedrés Samuel Lema rodará a curtametraxe 'Desde dentro', un thriller ambientado na cidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
"Desde dentro" é o próximo proxecto cinematográfico que se rodará en Pontevedra dentro das iniciativas que se promoven a través do departamento audiovisual Pontevedra Filme Commission. Na mañá deste martes 10, o director pontevedrés Samuel Lema presentou esta curtametraxe acompañada pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, polo actor protagonista Xoque Carbajal e pola produtora Sika Lamas de "Y la nave va".
A rodaxe iniciarase a finais do mes de marzo en diferentes localizacións da cidade, entre as que destaca o centro histórico, as marismas de Alba e a ponte Das correntes. O argumento céntrase na presenza dun asasino en serie pola cidade que provoca a morte de nove mulleres novas de pelo castaño. A partir de aí, unha produtora encarga a un director en decadencia a rodaxe dunha "snuff movie" sobre estes casos.
Segundo afirmou Samuel Lema, o guión inicial era para unha longametraxe pero a falta de financiamento rematou por levar o proxecto a un curto ao que queren dar continuidade a través de internet "como si fuera un juego de rol interactivo". O director realizou anteriormente 'La Carne Cruda', un traballo co que se presentou a varios festivais.
Carlota Román destacou que a Filme Commission, creada hai un ano, apoiou dende o seu nacemento a webserie 'Clases do Social', das curtametraxes sobre 'La Bella Otero', 'Maruja Mallo' e 'María Casares', ademais da rodaxe de tres anuncios de adegas. Neste momento, ródase 'Wendyland is dead' e en breve iniciarase o proxecto 'Castelao vive en Pontevedra'. Anunciou que a web da Film Commission incorporará os "making off" de todas as producións audiovisuais que se realicen a través deste departamento.
Relacionadas:
-
Samuel Lema preestrea a curtametraxe "Desde dentro" no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Pontevedra convértese, por primeira vez, en escenario dunha curta musical
-
Comeza en Ciencias Sociais a rodaxe da curta 'Desde dentro' do pontevedrés Samuel Lema
Por Redacción |
-
Pontevedra acolle a gravación da webserie 'Dalle Jas!'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra acollerá en febreiro a rodaxe da curtametraxe "Wendyland is dead"
Por Redacción |
-
Cámaras, luces... acción! Ródase en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |