Maria Fumaca, un proxecto literario e musical que aporta optimismo sobre a discapacidade na infancia
Por Alejandro Espiño
Sube á locomotora da familia María Fumaca. ÿ quizais, un dos proxectos editoriais máis sorprendentes e fermosos dos últimos anos. Trátase dun libro, que ven acompañado dun CD e dun DVD, que pretende aportar optimismo sobre a discapacidade na infancia, difundindo a idea de que a discapacidade pode ser vivida con normalidade e optimismo. ÿ sobre todo, segundo os seus autores, un libro sobre "a integración e a felicidade".
A alma máter de María Fumaca... cantar e bailar para ser máis feliz! é a artista Uxía Senlle. Explica que trátase dun proxecto que, fundamentalmente, comezou como "unha celebración de vida" dedicada ao seu sobriño Ruí, un cativo con parálise cerebral. "Hai seis anos pensei en que lle podería agasallar e gravámoslle un disco cada ano polo Nadal", no que colabora toda a familia e moitos dos seus amigos músicos.
"Ela é a alma, a maquinista, a capitana de todo isto", di Francisco Castro da Editorial Galaxia, que editou o libro hai apenas un mes. "Nós coñecíamos eses CDs e tiñamos moitas ganas de convertelos nun libro. Ao final o proxecto medrou ata incluir un CD e un DVD". E agora tamén unha serie de representacións teatrais coas que están percorrendo toda Galicia e que este sábado 22 de decembro, ás 18:00 horas, chega ao Teatro Principal de Pontevedra.
Castro destacou que 'María Fumaca' (o nome que leva un tren que circula polo Brasil), é unha proposta moi completa, un proxecto no que se aposta "pola alegría de vivir e a integración". Segundo explicou, o libro "conta con pictogramas para que os nenos que necesitan deste tipo de lectura poidan gozar del". Ademais salientou que parte dos vídeos "están protagonizados por Ruí e os seus compañeiros de escola".
Este libro infantil, do que Galaxia di estar "especialmente orgulloso", conta coa colaboración de diferentes artistas como Magín Blanco, Isaac Palacín, Carlos Blanco, Tanxarina Teatro, Pablo Pastor, Cuchi Carrera ou Sergio Tannus. Todos eles únense neste proxecto "vitalista e solidario", un traballo pedagóxico que, según Francisco Castro, "pretende explicar que a diferencia pode chegar a ser unha posibilidade máis de vida".
E é que tal e como explica Uxía Senlle, María Fumaca pretende abrir horizontes a través da música, das 24 cancións que forman o CD, para entender "a discapacidade non é unha maldición, senón unha diferencia que pode ser vivida con normalidade, nun ambiente musical, festivo e optimista". Debe servir, dixo, como un apoio para "familias como a nosa que necesitan axuda na aprendizaxe destes nenos".
A colorida locomotora de vapor, María Fumaca, percorre a paisaxe con todos estes artistas a bordo, que mentres viaxan cantan e tocan xuntos ó ritmo de muiñeiras, sambas, rock ou forró coa intención de facerlle un agasallo a Rui, quen, á súa vez, interpretará tamén como solista sinfonías vocais que lembran ó son máxico do canto das baleas. Todos os pasaxeiros desexan durante a viaxe que esta non remate nunca e que os leve a mil novos horizontes e aventuras.