Un "Pulgacito" non só para nenos, broche de ouro para o ciclo Domingos do Principal
Por Diego Torrado
Cunha reinterpretación de Pulgarcito, o conto clásico de Perrault, o ciclo Domingos do Principal despediuse ata o ano que vén. Fíxoo cun novo éxito de público. Centos de persoas encheron o patio de butacas do Teatro Principal este domingo para asistir á representación desta aclamada montaxe da compañía vasca Teatro Paraíso.
Pulgarcito, que ao longo desta nova traxectoria acumulou numerosos premios, presentou ao público pontevedrés un conto no que un neno miúdo e enxeñoso salva todos os seus irmáns e a súa familia, despois de que os seus pais desesperados teñan que abandonalos no bosque por falta de recursos.
Son varios os temas que Perrault aborda na súa versión do conto e, sen dúbida, un deles é o do abandono. Teatro Paraíso presenta o conto privilexiando este tema e contextualizándo o nunha situación que non deixa de reclamar paralelismos coa sociedade actual. Todo iso cunha visión nova e estimulante, unha obra divertida para os nenos e conmovedora para os adultos.
Domingos do Principal, a falta do balance oficial, volveu conseguir un grande éxito en todas as súas representacións, revalidando a súa posición como unha das ofertas culturais máis exitosas da programación organizada polo Concello de Pontevedra.