Jero Romero: "Son eu o que canta e escribe, pero en todo o demáis La Grieta é bastante diferente ao disco anterior"
Por Alejandro Espiño
Din que La Grieta é unha ruptura case total na traxectoria de Jero Romero. Un disco máis intenso, con máis matices, máis eléctrico. Pero o músico toledano segue sendo el mesmo, cun don para facturar preciosas cancións de pop íntimo absolutamente conmovedoras. O seu público pontevedrés poderá comprobalo en directo este sábado 14 de marzo, a partir das 22.30 horas, co concerto que ofrecerá na Sala Karma.
Jero Romero pasa de editar un disco feito practicamente en solitario a outro claramente grupal e no que se rodea coa banda que o acompañou en directo durante os dous últimos anos: Charlie Bautista, Alfonso Ferrer, Nacho García e Amable Rodríguez. Nesta entrevista en PontevedraViva repasamos con el como se xerou este novo traballo e que habemos de esperar da súa nova actuación na cidade.
Para quen non escoitase aínda La Grieta, como describirías este novo traballo?
Resúltame moi difícil. A alguén que non me escoitase nunca non llo sabería describir. Dáseme moi mal autoetiquetarme e ademais penso que é precisamente a nosa opinión a que menos credibilidade ten. Alguén que escoitase o primeiro, supoño que coincidiría comigo en que este é distinto, algo así como a cara B do anterior.
Hai diferenzas aínda que hai un fío condutor: son eu o que canta e escribe. En todo o demais, na instrumentación, as estruturas das cancións, o son, os tempos, as melodías, etc... é bastante diferente. No outro, a miña voz, a melodía e a letra, mandaban. Neste teñen un papel máis secundario, hai un grupo mandando.
E por que este nome? Ten algún significado especial?
En canto ao título, unha greta é un símil que me gustaba para describir un xeito de ser. Dende que recordo, vivo a miúdo coas sensación de que algo se rompeu ou que está a punto de romper, pero aguanta. Non o podo evitar e non adoito ter motivos, pero é así, así o sinto. Ademais, deu a casualidade de que durante a gravación apareceu unha greta no teito que ía ensanchando cada día e pasamos algo de medo, e deume a escusa perfecta para o título.
"No primeiro disco, a miña voz, a melodía e a letra, mandaban. Neste teñen un papel máis secundario, hai un grupo mandando"
Cabeza de león era, a priori, un disco moito máis íntimo que La Grieta. Foi un cambio buscado ou unha evolución natural?
Supoño que será pola instrumentación, que a xente oe unha guitarra eléctrica e unha batería e parece que é menos íntimo que algo cantado con violíns. Pero considéroos ambos os dous igual de íntimos. Dáme pudor escoitar as letras de cancións de ambos os dous. No demais, hai cambios buscados e os hai naturais. Os naturais teñen que ver con que os anos pasan e nos pasan cousas, simplemente, e cambiamos, aburrímonos do que xa fixemos e queremos facer cousas distintas. O buscado é o que fas para levar iso a un disco.
Por exemplo: aburríame de facer as cancións eu só. ÿ natural, porque o fixera durante moito tempo. Pero había que ver se eu ía ser capaz de deixar as cancións sen rematar para darllas ao grupo, consensuar cousas, pensar como gravar para que iso se note, definir o son... Iso hai que buscalo.
Na folla de promo describides este disco como unha ruptura case total, dende o punto de vista musical e mesmo vital. Por que esa sensación?
Iso non o escribín eu... Unha ruptura vital non é. Musical, nalgúns sentidos, como te contei anteriormente.
O anterior disco era un proxecto persoal, pero nesta ocasión rodeácheste da banda que te acompañou nos directos dende o primeiro momento. Que te achegou esta nova forma de traballar?
As diferenzas son todas as que pode haber entre facer o mesmo traballo practicamente só ou facelo con outras catro persoas. Vivino con moita ilusión e ganas, porque a decisión foi miña. Era o que me apetecía facer. Sobre todo, é xente coa que me gusta estar, pásomo ben. E pasalo ben é bo para facer calquera traballo. Á parte, aprendín moito. Todos teñen moita experiencia e ademais temos experiencias e gustos diferentes, así que fixen cousas que non se me terían ocorrido de modos que non pensara.
"O que che dá facer o disco mediante crowfunding é sobre todo liberdade. Fago o que me dá a gana, basicamente, cando e como me dá a gana"
E o feito de practicamente illarvos durante meses para gravar nun ambiente moi determinado, axudouvos a encontrar o son que queriades?
Si. Máis ben o que pasou é que aquel lugar nos deu o son, sen buscalo. A idea era a seguinte: xa que imos a estar nesta casa tres meses metidos, sós, e todo, os ensaios e a gravación, vai ser aquí, como facemos para que iso se note. ÿ dicir, se o proceso é diferente pero logo vai soar como calquera disco para que facemos todo isto? Por que non o levar ata o final? Así que intentamos aproveitarnos do son da casa, un lugar que non está preparado para gravar, e utilizalo como un elemento máis da produción.
Custou, foi difícil, pero por iso ás veces digo que para min o disco é único e é bastante visual: ningún disco pode soar igual que este, salvo que o gravemos nós e nese sitio e, cando o escoito, vexo aquela casa e os cuartos onde gravamos. E ademais Alfonso Ferrer, que touca o baixo comigo e é o que se encargou da produción do son, soubo captar perfectamente aquilo. O mérito de facer soar aquela casa é seu.
Se tiveses que 'vender' o teu disco cunha canción, cal crees que sería a que mellor reflexa o espírito e o estilo deste novo disco e por que?
"Hombre mayor", pero porque é a mellor canción que escribín nunca.
Volviches recorrer ao crowfunding para gravar este disco e a resposta do público foi abafadora. Contento do apoio que che deron? Sénteste máis libre producindo o disco deste xeito?
Claro, moi contento e moi afagado. Non é que me sinta máis libre: son libre. O que che dá facer o disco así é sobre todo liberdade. Fago o que me dá a gana, basicamente, cando e como me dá a gana. Son dono de todos os meus fallos. E non lle debo nada a ninguén, ou debo cousas que elixín deber e podo devolver.
O disco logrou moi boas críticas dende o primeiro día e a acollida do público foi fantástica. Estás satisfeito desta recepción?
Claro, estou moi contento. Cada vez vén máis xente a vernos e a xente sae feliz, iso é o máis importante.
"O IVE cultural é peor que unha sentenza de morte, porque é unha morte lenta e empezan morrendo primeiro os que máis dificultades teñan"
E como músicos como vós logran saír adiante nun momento tan delicado para a cultura no noso país?
Que eu saiba hai tres opcións: a hiperactividade (tocar todo o que poidas a todas as horas con todos os proxectos que poidas), vivir da túa parella ou ter outro traballo. No noso grupo danse os tres casos, na maioría de casos, á vez.
Agora que se fala tanto dunha suposta rebaixa do IVE cultural, cres que este imposto foi unha sentenza de morte para o sector?
Si, o é. ÿ peor, porque é unha morte lenta e empezan morrendo primeiro os que máis dificultades teñan. Pero para min o problema é máis grave. Vai máis alá de como nos repercuta aos directamente afectados. O principal problema é que o vexo como unha tradución da orde de prioridades dun goberno, demostra unha mentalidade, unha visión das cousas, é unha mensaxe sobre que lles importa e en que orde. Os países non son entes, son persoas. As persoas serán peores canto máis difícil lles sexa o acceso á cultura. O país será peor.
Por último, dúas cuestións. Como soa La Grieta en directo? Que habemos de esperar deste concerto en Pontevedra?
Non cho podo contar, é como que se te contan a película antes de entrar ao cine non? ÿ moi diferente aos discos, hai máis enerxía e máis electricidade, por dicir algo.
E fálanos de Smile, a banda que te acompaña. Que te parecen?
Parécenme moi bos, son moi bos. Oíches algunha vez iso de "se fosen de fóra... "? Pois iso. No seu estilo, aquí, os mellores. E, á parte, son moi boa xente.