Paco Roca, autor de 'Arrugas', explica os segredos do seu traballo ante os lectores pontevedreses
Por Redacción
O valenciano Paco Roca converteuse nun dos historietistas máis famosos e cotizados no panorama do cómic actual. A súa obra Arrugas, na que trata a vellez e a enfermidade do Alzheimer foi levada ao cine obtendo un importante éxito. E agora, outro dos seus traballos, Memorias de un hombre en pijama, unha novela gráfica na que o propio autor reflicte situacións da súa vida, tamén contará cunha versión cinematográfica na que o seu personaxe será interpretado por Raúl Arévalo.
Paco Roca comentou estas experiencias durante o encontro que mantivo cos seus lectores durante a tarde deste mércores 11 de marzo na Libraría Paz guiado pola xornalista Diana López, guionista de Un hombre en pijama, e coa presenza do debuxante e director da Escola Profesional de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, Kiko da Silva.
Durante a súa intervención, Paco Roca, creador tamén doutras obras premiadas como El invierno del dibujante ou Los surcos del azar, explicou como realiza o seu traballo e das dificultades que encontra no seu proceso creativo con experiencias complexas como a elaboración das entregas quincenais das series para o xornal El País nas que confesou que decidiu tirar da "provocación" para deixar de recorrer a elementos autobiográficos. O autor explicou tamén que está a finalizar unha nova novela gráfica e que xa ten en mente o seu próximo traballo.