Jero Romero na Sala Karma, un concerto que deixou pegada no público pontevedrés
Por Alejandro Espiño
Non é habitual encontrar un público que respecte tanto un artista como o que acudiu este sábado á Sala Karma. O propio Jero Romero agradecíao durante o concerto en Pontevedra. Apenas se oía nada mentres tocaban, máis alá das incansables voces que coreaban cada unha das súas cancións. Unha comuñón perfecta entre ambas as dúas partes que rematou por redondear unha noite máxica e chea de emocións.
Jero Romero e a súa banda, formada por Charlie Bautista (guitarra e piano), Alfonso Ferrer (baixo), Nacho García (batería) e Amable Rodríguez (guitarra), demostraron que poucos músicos se crecen tanto sobre o escenario coma eles. Gústalles tocar xuntos, gozan cada unha das cancións que interpretan e esa paixón trasladouse ao público pontevedrés que, hipnotizados, asistiron a un concerto que tardarán en esquecer.
Xa o anunciara na súa entrevista en PontevedraViva. Ía ser un concerto cheo de enerxía e electricidade. E o músico toledano cumpriu a súa promesa, xa dende que soaron os primeiros acordes de También, unha das cancións do seu segundo disco. Xunto a ela soaron Narciso, El mejor, El ventanal e Los columpios, temas que en directo adquiren unha dimensión completamente diferente ao disco.
Pero ademais de La Grieta, Jero Romero non quixo esquecerse de Cabeza de león, o seu primeiro disco. E tras a canción que lle dá nome, chegaron Haciendo eses e Ya te lo decía yo. E despois da paréntese de luxo que supuxo Hombre mayor, tal vez a canción máis redonda da súa traxectoria en solitario, o público toleaba con outros cinco temas do primeiro disco, especialmente Devolverte, Correcto e Las leves, que fixo saltar a unha Sala Karma totalmente entregada.
Habería tempo para seguir presentando La Grieta -soaron Leo, Fue hoy e El brazo- antes de que chegasen uns bis que non se fixeron moito de pregar. Non era conveniente facer esperar un público que quedara en alto. E os minutos finais do concerto foron verdadeiramente épicos, coa banda desatada e demostrando a súa gran calidade en temas como Túmbate, Desinhibida e El as, que puxeron o broche de ouro á noite.
Pódese ser fan de Jero Romero ou non, dende logo os que se achegaron á Sala Karma eran dos bos, pero o que ninguén poderá negar é que este concerto, perfectamente executado, é unha actuación que os pontevedreses tardaremos en esquecer. Ogallá pronto poidamos gozar de novo dun artista e unha banda que, cada vez que nos visitan, demostran que están entre os grandes da escena musical española.
SMILE, TELONEIROS DE JERO ROMERO
Xunto a Jero Romero, subiron ao escenario da Sala Karma os vascos Smile, que chegaban co seu disco Out of Season. Tiveron a difícil papeleta de animar un público que, mentres seguían entrando, estaba aínda demasiado aínda frío para abrazar a banda todo o entusiasmo que merecen. Porque se unha cousa demostraron en Pontevedra, é que teñen un son único e que estamos ante un grupo chamado a dar grandes sorpresas no futuro.
Relacionadas:
-
La Bien Querida, Eladio y los seres queridos, Maryland ou The Dodos, en abril na Sala Karma
Por Alejandro Espiño |
-
El Columpio Asesino e Cycle, dous concertos para poñer o broche de ouro ao aniversario de Sala Karma
Por Alejandro Espiño |
-
Jero Romero: "Son eu o que canta e escribe, pero en todo o demáis La Grieta é bastante diferente ao disco anterior"
Por Alejandro Espiño |
-
Jero Romero regresa a Pontevedra o 14 de marzo para presentar "La Grieta", o seu novo disco
Por Alejandro Espiño |