"O Quebranoces", o primeiro ballet clásico do Centro Coreográfico Galego, en Vilagarcía e Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O Centro Coreográfico Galego incorpora por vez primeira ao seu repertorio unha produción de ballet clásico. Trátase de O Quebranoces, versión da famosa creación de Tchaikovski e Petipa. O espectáculo, no que se implicaron máis de 500 persoas, estrearase este sábado no Auditorio municipal de Vilagarcía. De aí, chegará a outras once localidades galegas, entre elas Pontevedra, o próximo 28 de decembro.
A montaxe de O Quebranoces supón, segundo Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, "un paso adiante cualitativo de grande importancia, que nos presenta unha compañía capacitada para avanzar no plano creativo, que aposta por unha fórmula participativa, aberta e diferente para esta montaxe que quere chegar a iniciados e a neófitos, desde unha lectura propia do clásico estreado hai xa 120 anos en San Petersburgo".
Coa posta en escena de O Quebranoces, que ten confirmadas outras 11 funcións en sete localidades galegas ata mediados de febreiro, o Centro Coreográfico culmina un longo proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións para a selección dos alumnos e alumnas dos 19 conservatorios e escolas de danza que colaboran no proxecto.
Así, baixo a dirección de Mercedes Suárez e xunto co equipo artístico e técnico do CCG, máis de 500 persoas están implicadas no desenvolvemento dunha produción na que participan estudantes a partir de 7 anos e os seus profesores, así como os músicos e voces de tres formacións orquestrais e corais.
Cinco bailaríns profesionais seleccionados polo Centro Coreográfico Galego, Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany, dan vida aos case 20 personaxes que interveñen co seu baile neste conto de fadas e que recrean as pezas máis recoñecibles deste ballet, desde a Danza rusa ata o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre.
Canda eles, bailarán os nenos e nenas seleccionados, cos que se realizaron grupos e quendas cara á súa intervención nas representacións que se leven a cabo nas localidades máis próximas ás súas de orixe. En Vilagarcía, por exemplo, actuarán un total de 42 rapaces da Escola de Danza Perla de Arousa, e en Pontevedra serán alumnos das escolas de danza Deborah e Vaganova.
Cóntase, así mesmo, coa colaboración da Orquestra Sinfónica Cidade de Pontevedra e o Coro Infantil do Conservatorio de Música pontevedrés para a execución da música en directo na función que terán lugar en Pontevedra. Pero no equipo artístico destacan tamén as achegas profesionais de nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros.
120º aniversario da obra orixinal
Coincidindo coa celebración do 120 aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski lle puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann, o CCG ofrece unha versión deste ballet, un clásico de Nadal nos escenarios de todo o mundo, que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais.
Porén, na posta en escena deste Quebranoces o espectador recoñecerá símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.
Tras a estrea en Vilagarcía de Arousa, que dará comezo ás 20.30 horas, o Centro Coreográfico representará esta produción, aberta a futuras incorporacións artísticas, nos outros sete escenarios confirmados ata o momento, entre eles o Pazo da Cultura de Pontevedra, o 28 de decembro.