'Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!' chega ao campus
Por Redacción
A exposición 'Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!' que promove o Concello de Pontevedra segue o seu percorrido por diferentes centros de ensino e recalou este luns no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Poderá visitarse na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ata mediados de abril.
O músico e fundador dos Diplomáticos de Monte Alto, Xurxo Souto, comisario da exposición e protagonista do nacemento e da evolución do movemento bravú, foi o centro de atención da xornada ao realizar unha conferencia sobre os inicios deste movemento. Previamente ofreceu unha visita guiada por esta mostra organizada para celebrar os 20 anos do nacemento deste movemento cultural que transcendeu o eido da música e abrangueu diversas expresións culturais, conseguindo que a lingua galega fose a canle común de creación.
A exposición repasa en diferentes paneis os inicios e os logros dun movemento cultural que, como lembrou o conferenciante, permitiu "que o tabú de que o galego non servía para o rock and roll fose absolutamente dinamitado". Os Skornabois, Os Impresentables, Os Papaqueixos, Os Rastreros ou os propios Diplomáticos de Monte Alto son algúns dos protagonistas dunha mostra que, como explicou Xurxo Souto, trata de achegar ás novas xeracións "un termo que quizais era descoñecido para moitos" e co que se fai referencia a "unha xeración de rapaces e rapazas que decidiron ser donos do seu destino" e construír en galego "elementos culturais que poden emocionar a unha persoa en calquera lugar do mundo".
En declaracións recollidas polo diario da Universidade de Vigo (DUVI), rememorou a súa propia experiencia cos Diplomáticos e reivindicou unhas cancións que "teñen tamén unha dimensión poética e testemuñal que nos explican como somos". "Non é que sexa a gran revolución estética, pero si é unha parte da realidade que temos dereito a coñecer", engadiu.
Xurxo Souto reivindicou que dos cancioneiros medievais aos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, "toda a historia da literatura galega pode contarse en clave musical", pois "aínda que parezan mundos moi distantes, poesía e música son en realidade o mesmo". Mantivo que "somos un pobo de artistas e temos que reivindicar esa potencialidade, temos que reivindicar a poesía e a literatura desde a música".