"Cociñando con razas autóctonas" de Rocío Garrido Caramés, mellor libro de cociña sostible de España
Por Redacción
Un dos Gourmand World Cookbook Awards de 2012, recoñecidos galardóns cos que se distingue a produción editorial gastronómica, recaeu no receitario Cociñando coas razas autóctonas, premiado como mellor libro de cociña sostible de España. Este premio dálle o pase á gran final internacional que se vai celebrar no Carrusel do Louvre (París) no marco da Paris Cookbook Fair, do 22 ao 24 de febreiro.
Cociñando coas razas autóctonas é unha publicación da autoría de Rocío Garrido Caramés (Sanxenxo, 1977) editada pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga. Trátase do primeiro libro de cociña que inclúe receitas elaboradas con carnes de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción: ovella galega, cabra galega, galo de Mos, porco celta, cabalo de pura raza galega e as bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa.
No receitario tamén vén o modo de preparación de varias larpeiradas elaboradas a base de leite, ovos e queixo fresco, todos produtos secundarios derivados das devanditas razas.
Foi a propia Rocío quen elaborou cada un dos pratos que contén, non en van, é afeccionada á cociña e editora do blog gastronómico La cocina de mi abuelo. Este é o seu primeiro libro, cuxa presentación oficial tivo lugar no mes de xuño no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat).