Jose Aragunde, un pontevedrés nomeado no festival de Cans
"La fiesta del mañana" é o videoclip de Heroínas, dirixido polo pontevedrés Jose Aragunde e Belén Lamas, que se converteu nun dos vinte nomeados a mellor videoclip na edición do 2015 do Festival de Cans. O vídeo segue a liña estética que o grupo vigués Heroínas se marcou dende os seus inicios, un estilo "rock macarra" que versiona ao grupo The Velvet Underground. O traballo dos directores, fotógrafos, actores e do propio grupo conseguiu que o festival de Cans se fixe neles e puxesen o seu nome entre os nominados.
Este festival audiovisual ten entre as súas misións descubrir e impulsar realizadores e novos grupos emerxentes. Iso é Cans, que naceu nun primeiro momento froito de bromas e conversacións de bar no ano 2003, segundo conta a mesma organización do evento na súa paxina web. A asociación cultural Arela e o creador audiovisual e guionista Alfonso Pato, uniron o equipo do segundo co concepto que creara o primeiro e así a mediados do 2003 xurdiu esta iniciativa, emulando o famoso Cannes francés pola súa similitude de nomes. Non foi ata o ano seguinte cando se celebrou a primeira edición do festival froito de moito esforzo e colaboracións desinteresadas.
A edición deste ano, a número 12, emitirá o fallo do xurado o próximo 21 de maio. Os xuíces Juan Rivas, Hendrik Röver, Angel Sánchez e a presentadora de TVG Tati Moyano, que ademais será a presentadora da Noite de Clips, estarán os encargados de outorgar os premios entre os vinte seleccionados.
Entre os datos que destaca a organización da edición deste ano é que un 40% dos traballos que optan a premio foron dirixidos ou co-dirixiron mulleres, dato que segundo a propia organización lles comprace anunciar.