A Casa das Campás acolleu a entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2015
Por Redacción
A sede do Vicerreitorado do campus de Pontevedra acolleu este xoves a entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2015 da Universidade de Vigo que ligaron dúas efemérides que tiveron lugar o 17 de maio, o Día das Letras Galegas e o Día Mundial das Telecomunicacións.
Como unha “forma de contribuír a unha lingua e a unha cultura”, presentou o vicerreitor José Manuel Corbacho os premios que motivaron este acto e nos que a Área de Normalización Lingüística contou un ano máis co apoio da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Política Lingüística do Goberno galego, Valentín García, estivo presente nunha entrega que se abriu coa lectura da acta do xurado destes galardóns por parte do director da ANL, Paulo Cabral, e se pechou coa entrega dos diplomas a oito novos “traballadores da lingua”, como os definiu García.
Trátase de Anxo Mena, premiado na categoría de poesía, Xurxo Martínez, na de relato curto, e Marta Santamaría, na de tradución literaria. Esta última foi a única que puido asistir a un acto que definiu como positivo, xa que contribúe “a darlle visibilidade a nosa lingua” e no que esta estudante recolleu o seu diploma cunha combinación de “alegría e responsabilidade, porque son consciente de que me queda moito por traballar e mellorar”.
Así mesmo, tamén se fixo entrega dos cinco accésits concedidos polo xurado, outorgados a María López en poesía e relato curto, a Lara Domínguez en poesía, a María Alonso en relato curto e a Moncho Iglesias en tradución.
Co propósito de render homenaxe ao polígrafo pontevedrés ao que se dedica o Día das Letras Galegas, José Filgueira Valverde, o acto promovido pola Área de Normalización Lingüística da Universidade trasladouse neste 2015 a Pontevedra, onde a institución académica quixo reiterar o seu compromiso cun idioma que se atopa nunha “situación preocupante”, como lembrou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho.
Mais o acto celebrado na Casa das Campás serviu tamén para abordar os retos de futuro, como a necesidade de posicionar o idioma nesa “nova sociedade dixital que pouco a pouco está a converter o mundo nunha aldea global”, como engadiu o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Iñigo Cuíñas.
A entrega de premios e accésits se viu precedida polas representacións teatrais de ButacaZero, que en ton de humor repasaron a historia das telecomunicacións.