José Sacristán, Lolita ou Maribel Verdú, teatro de luxo para o primeiro semestre de 2013
Por Alejandro Espiño
A nova tempada de teatro de Novacaixagalicia en Pontevedra achegará á cidade a artistas da talla de José Sacristán, Maribel Verdú, Lolita Flores, Paz Padilla, Itziar Miranda, Antonio Molero, Kiti Mánver, Gisela, Bruno Squarcia e Isabel Ordaz entre outros. Para poder gozar de todos os seus espectáculos, ponse á venda o abono para o primeiro semestre de 2013.
Os abonos, que supoñen un 20% de desconto respecto ao prezo final, poderán ser retirados entre o 2 e o 30 de xaneiro. Os espectadores que o desexen poden adquirir a tempada completa ou ben fragmentar a compra e facerse, nun principio, coa primeira parte, que correspondería aos espectáculos de febreiro, marzo e abril. Ademais, os interesados en comprar billetes soltos poderán facelo nas mesmas datas.
Os espectáculos
Esta noche no estoy para nadie chegará a Pontevedra o sábado 16 de febreiro ás 20.30 h. Juan Carlos Rubio dirixe a Kiti Mánver, Gisela, Bruno Squarcia e David Ordinas que, xunto con Raúl Gama no piano, ofrecerán ao público unha comedia musical que se debate entre a risa e a nostalxia e que, baseada na obra escrita polo mesmo Rubio, conta a historia dunha nai e unha filla, recentemente divorciadas, que se ven obrigadas a convivir por estreiteces económicas.
A relación entre ambas e as relacións cos seus exmaridos dan lugar a múltiplos enredos que, acompañados por cancións, propiciarán o desenlace desta divertida historia. A diferenza dos musicais que o público acostuma a identificar, a posta en escena destaca pola súa sinxeleza e austeridade. Nela non existen artificios. Non está rodeada do habitual fastoso despregue de medios, ofrece unha escenografía fixa e sen cambios: un piano como única orquestra, coa música de Raúl Gama, e catro actores con oficio, capaces de encher por si mesmos o escenario.
Lúcido, o espectáculo dirixido por Amelia Ochandiano e escrito por Rafael Spregelburd, chega ao Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra o día 2 de marzo ás 20.30 h. A obra é, segundo a opinión da directora, "unha viaxe interesante e gozosa, unha función con moitos retos que trata temas como a perda, os mecanismos do ser humano para abordar a dor, os soños, a familia e o poder de curación da arte".
A protagonista é Lucrecia, unha moza que torna á casa da súa nai, Teté, onde vive co seu irmán Lucas. Agora, logo de quince anos de ausencia e silencio, a moza chega para procurar o que é seu. Esta esixencia espertará en Teté os peores pesadelos e xurdirán todos os segredos e as mentiras do pasado. Escenograficamente, soño e realidade mestúranse, de xeito simple e suxestivo, nesta comedia dramática que fala de sentimentos comúns e universais. O elenco está formado por Isabel Ordaz (Teté), Itziar Miranda (Lucrecia), Tomás del Estal (Darío/Néstor) y Alberto Amarilla (Lucas).
Yo soy don Quijote de la Mancha chega á cidade do Lérez o día 18 de abril ás 20.30 h. Un elenco con José Sacristán, Fernando Soto, Elena Ramos e José Luis López, dirixidos por Luis Bermejo, interpretan unha obra de José Ramón Fernández, Premio Nacional de Literatura Dramática 2011. Foi estreada no Festival de Almagro e, tras o seu paso polos festivais de San Javier en Murcia e Olmedo en Valladolid, recala agora en Novacaixagalicia.
O papel de don Quijote está interpretado por José Sacristán flanqueado polo seu inseparable Sancho (Fernando Soto) e a filla deste, Sanchica (Almudena Ramos), todos eles acompañados no escenario polo violonchelista José Luis López. Xuntos recrearán algunhas das famosas aventuras e desventuras do fidalgo escritas por Miguel de Cervantes. Pretende ser unha aposta pola bondade das persoas, expresada no desexo dun home, don Quijote, que quere axudar aos demais.
El tipo de al lado representarase o día 12 de maio en Pontevedra, tamén ás 20.30 h no Centro Social Novacaixagalicia. Trátase dunha obra baseada no best-seller da escritora sueca Katarina Mazetti que constitúe un auténtico tratado sobre as diferenzas sociais e culturais das persoas. Conta a historia dunha intelectual urbana nunha granxa e a dun granxeiro de provincias na ópera.
A moza viúva, Laura, e o torpe granxeiro, Pablo, séntense sós. Introvertida e intelectual ela, rústico e franco el, coñécense no marco dun cemiterio visitando as sepulturas dos seus seres queridos. Un simple sorriso fai saltar a chispa entre eles. Pero a realidade cotiá irrompe no seu mundo para poñer de relevo as súas diferenzas, o público asistirá a situacións tan inverosímiles como divertidas. A adaptación da obra de Mazetti corre a cargo de Alain Ganas e conta con Maribel Verdú e Antonio Molero no elenco.
E o domingo 23 de xuño chega a Pontevedra, ás 20.30 h, a obra Sofocos, unha comedia musical que vén reforzar o orgullo de sentirse muller e feminina. Paz Padilla, Lolita Flores, Ana Hurtado e Fabiola Toledo coa colaboración virtual de María Teresa Campos e o vestiario de Agatha Ruiz de la Prada interpretan diferentes roles de muller: unha monxa, unha lesbiana, unha ama de casa, unha paciente na consulta do xinecólogo, unha executiva agresiva, etc.
A obra presenta, tamén, curiosas e insólitas recreacións de personaxes como A Gioconda, Coco Chanel ou Xoana a Tola, todas elas mulleres que comparten un xeito de sentir, de ser muller. O texto e a dirección son de Isabel Arranz e Juan Luis Iborra, a coreografía de Lola González e a música de José María Guzman.