"Taimat - Lucha": A segunda novela do pontevedrés David Pintos
Por Redacción
A segunda obra literaria de David Pintos é a segunda parte dunha saga de tres libros co título común de Taimat, unha triloxía de aventuras repleta de xiros e emocionantes situacións nun mundo devastado tras un pasado marcado por unha era apocalíptica.
De novo a épica e a aventura danse a man en 'Taimat - Lucha', a segunda obra literaria de David Pintos, un pontevedrés de corenta e dous anos, afincado en Madrid, pero moi ligado á cidade do Lérez. David é ademais director e presentador do espazo radiofónico de art rock 'Subterranea', líder absoluto de audiencia en fala hispana deste estilo musical, un espazo escoitado en máis de vinte países. Ademais é articulista e responsable comercial da revista do mesmo xénero 'Subterranea Art Rock Magazine', escribe para diferentes medios como crítico musical e preside a asociación nacional de art rock denominada SAR (Spanish Art Rock).
A través da editorial Círculo Rojo editou a súa segunda obra, a continuación dunha historia de aventuras e ciencia ficción nas que o protagonista, de nome Izan, prosegue a súa busca da razón que asolou ao mundo mentres procura un importante equipo de persoas para remendar unha crecente desorde social noutro continente. Durante a viaxe encontrarán novos aliados para combater contra un exército de milicianos que desexan establecer o caos absoluto. Sumido na loita descubrirá un grande enigma que habita no seu interior.
A trama da triloxía vai adquirindo unha dimensión maior, digna das grandes obras do subxénero, cargada de personaxes, misterios, lendas e novas civilizacións xurdidas baixo o auspicio de forzas rexidas polo mal. Sen dúbida, a historia contén todos os ingredientes que gustan aos afeccionados á lectura cargada de fantasía, onde predominan mundos oníricos e ademais predominan os diálogos e os pensamentos dos personaxes. A emoción está servida nesta obra cargada de tensión, emoción e xiros inesperados.
Segundo palabras do autor, a obra ao completo contén un elevado número de preguntas filosóficas e reflexións transcendentais sobre o nacemento da nova civilización. Os protagonistas están obrigados a perseguir o máximo de información sobre o pasado e os plans de futuro dos causantes do caos e a destrución. A enerxía que os move nútrese dun novo ideal de mundo e, da forte alianza cunha raza de seres, que evolucionaron á marxe deles.
A complexidade que vai adquirindo a obra fará as delicias dos lectores máis atrevidos e deixaraos con ganas de máis. Actualmente, o autor está a rematar de escribir a terceira e última parte da historia co firme propósito de poder ofrecer o peche da saga en decembro deste ano.