'Sete falares' que sorprenden metendo medo
Por Daniel Santomé & Anxo Lourido
A compañía Pavís Pavós presentou na Casa das Campás dentro das actividades programadas con motivo da cita cultural 'Sete falares' o espectáculo 'Contos e que meten medo' dirixido a nenos a partir dos seis anos e a un público familiar.
As actividades deste encontro internacional de contadores de historias teñen continuidade este mesmo venres no Teatro Principal de Pontevedra ás 20.30 con Pep Bruno e Ana Lage e a partir das 22.30 horas con Wayqui e Ana Lines.
Durante este sábado, ás 11.30 horas, o narrador Pep Bruno ofrecerá unha sesión de contos a partir das 11.30 mentres que pola tarde, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) acollerá a Ana Lines ás 18.00 horas mentres que Ana Lage contará as súas historias a partir das 20.00 horas na Casa da Luz.
Tamén durante a noite do sábado, levaranse a cabo percorridos pola cidade visitando lugares emblemáticos nos que se poderán escoitar historias. Están programadas catro visitas que se iniciarán na Casa das Campás a partir das 22.00, cunha diferenza de 20 minutos entre cada unha.
O domingo 7 ás 11.30 horas, Manuel Solla ofrecerá unha sesión para nenos na Casa das Campás. Pola tarde, ás 17.30 horas, o CITA acolle a Wayqui mentres que unha hora e media máis tarde será Pep Bruno o encargado de narrar historias.
A clausura será no Teatro Principal a partir das 21.00 horas do domingo con acompañamento musical de Lulavai e as fantasías de seis contadores, ademais da agrupación Pavís Pavós. Todas as entradas son gratuítas salvo a deste acto de peche de Sete Falares, que terá un prezo de 3 euros, salvo para os desempregados cuxa entrada será libre.