O Memorial Ricardo Portela segue a medrar
Por Diego Torrado
Dezaseis anos suma xa o Memorial Ricardo Portela que se iniciou como un pequeno evento na Praza da Verdura para ir adquirindo peso ao longo dos anos como se puido comprobar nesta edición despregada en dúas xornadas na que unha mostra de instrumentos tradicionais encheu de distintos elementos sonoros a praza da Ferrería.
Este ano foi tamén o da homenaxe ao gaiteiro de Vilaverde, Manuel Viqueira, un músico que mantivo o estilo de tocar pechado cunha peculiar fórmula de interpretar as pezas.
Numeroso público achegouse durante a xornada do sábado ata A Ferrería na que o coro Novos Aires da Terra, creado por Perfecto Feijoo, ofreceu un concerto que serviu para pechar unha cita na que tamén participaron as agrupacións Gomes Mouro, Contracocheno, Picuíña, Xistra de Coruxo e Berros do Castro.