O campus "mergúllate no océano" instálase toda a fin de semana na praia de Baltar
Por Redacción
O Campus do Mar "Mergúllate no Océano", liderado pola Universidade de Vigo, recalará esta fin de semana na praia de Baltar, en Portonovo.
Os días 22 e 23 de agosto, nun horario continuado dende as 11.30 ás 21 horas, esta actividade achegará as ciencias e tecnoloxías mariñas aos bañistas a través dun espazo divulgativo para todos os públicos que ofertará, de forma gratuíta, talleres e actividades diversas relacionadas co medio mariño, co obxectivo de implicar o público e invitalo a que invista parte do seu tempo de ocio en coñecer o mar e o seu ámbito coa visión dun científico.
"Mergúllate no Océano" desenvólvese nun recinto itinerante duns 170 metros cadrados de superficie instalado na area e formado por pequenas carpas, que estará dividido tematicamente en sete módulos co obxectivo de dar unha perspectiva ampla de todas as áreas de coñecemento que abranguen os investigadores do Campus do Mar (TICs, Enxeñaría, Ecoloxía, Bioloxía, Oceanografía, etc).
Durante os dous días nos que permanecerá instalado na praia de Baltar, os participantes deberán realizar as actividades propostas en cada un dos talleres para conseguir todos os selos no seu "pasaporte científico" que poderán cambiar á saída por un obsequio.
Os diferentes aspectos que abordarán os talleres son cuestións como a mobilidade das augas no planeta, que cantidade de seres vivos poden acharse nunha gota de auga, a pesca e os talles mínimos, as dunas, como a acción do home fai que o CO2, un gas invisible, aumente na atmosfera ou a xestión integral da zona costeira.