Teatro, música e fotografía centran as actividades que propón o campus para este outono
Por Redacción
O campus universitario de Pontevedra acolle cinco cursos ao longo deste outono nos que os interesados poderán achegarse ao mundo do teatro, da fotografía documental, do canto, da construción de instrumentos e da prevención de riscos laborais. Estas cinco temáticas abertas a todos os cidadáns teñen aberto o período de inscrición.
A Casa das Campás, a EE Forestal e as facultades de Ciencias dá Educación e do Deporte e de Ciencias Sociais e da Comunicación serán os espazos nos que se desenvolvan, entre outubro e decembro, estes cinco obradoiros de entre 30 e 33 horas de duración, que terán un prezo de 40 euros para o público en xeral, 30 para os membros da comunidade universitaria 20 para estudantes beneficiarios dunha bolsa do ministerio de Educación.
Este mércores 28 iniciarase na Casa das Campás o curso de Fotografía documental e de rúa, un taller dirixido polo profesor de Belas Artes, Manuel Sendón, e impartido polo fotógrafo e graduado na facultade pontevedresa, José Rodríguez Romay. A matrícula permanece aberta.
En outubro iniciarase o obradoiro de música vocal e moderna destinado ás persoas ás que lles guste cantar. O músico, formado en Ciencias da Educación, Pablo García Ferradás, impartirá este seminario desde o 8 de outubro ata o 10 de decembro no que se poderá aprender a respirar ou a controlar a voz á vez que se darán nocións sobre o pop, o funky ou o rap.
O 19 de outubro iniciarase o obradoiro de formación teatral que imparte o actor Salvador do Río, responsable da compañía Teatro de Ningures. A través de exercicios prácticos tratarase de dotar aos alumnos de ferramentas para iniciarse como actores e actrices.
O programa complétase cun obradoiro de organoloxía creativa, que impartirán Bibiana Piñeiro e David Carbajal entre o 20 de novembro e o 8 de decembro. Trátase dun curso destinado a educadores principalmente para crear instrumentos musicais con material de reciclaxe.
A matrícula para estes obradoiros de Extensión Cultura pódese realizar a través de internet.