Exitosa preestrea en Pontevedra de "A praia dos afogados", película rodada nas Rías Baixas
Por Alejandro Espiño
Catro días antes do seu debut en salas comerciais, A praia dos afogados preestreouse en Pontevedra. E do mesmo xeito que ocorreu a semana pasada en Vigo, cun éxito rotundo. O cinema galego, como se demostrou recentemente coa esmorga ou O descoñecido, vive un momento envexable e a adaptación á gran pantalla da novela de Domingo Villar é unha clara mostra diso.
O salón de actos do Sexto Edificio do Museo acolleu esta estrea ao que acudiron, ademais da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os produtores da película, varios dos actores que integran un reparto coral e cheo de caras coñecidas para o gran público. Así, ata Pontevedra desprazáronse Celso Bugallo, Carlos Blanco ou Fernando Morán, entre outros. Todos eles agradeceron os aplausos que recibiu o filme tras a súa proxección.
A praia dos afogados, que se preestreou en Pontevedra na súa versión en galego, comeza cando o cadáver dun mariñeiro aparece na praia de Panxón (Nigrán). Se non tivese as mans atadas, Xusto Castelo sería outro dos fillos do mar que atopou a súa tumba entre as augas mentres faenaba. Pero o océano nunca necesitou amarras para matar.
Sen testemuñas nin rastro da embarcación do falecido, o inspector Leo Caldas (Carmelo Gómez) mergullarase no ambiente mariñeiro do pobo, tratando de esclarecer o crime entre homes e mulleres que se resisten a desvelar as súas sospeitas e que, cando se decidan a falar, apuntarán nunha dirección inesperada.
Dirixida por Gerardo Herrero e producida por Tornasol Filme, Foresta Films, Milou Films e Esmerarte, a película foi rodada en diferentes localizacións de Vigo, Nigrán, A Guarda e O Rosal. No seu reparto, ademais de Carmelo Gómez, figuran Antonio Garrido, Celso Bugallo, Pedro Alonso, Celia Freijeiro, Luís Zahera, Marta Larralde, Tamar Novás ou Fernando Morán.
Antes da proxección, Carmela Silva quixo destacar a implicación do sector nesta película "pontevedresa" e mostrouse confiada do seu éxito nas salas comerciais. Tras iso, sinalou, que as administracións "teñen que apostar pola cultura" e tras reiterar a súa petición para que o Goberno baixe o IVE cultural, adiantou que ten previsto "sentarme con vós" -en referencia aos cineastas pontevedreses- para trazar liñas de colaboración.