O sábado, día grande de Culturgal 2015
Por Redacción & Diego Torrado
O sábado 5 comezou no Culturgal cunha mañá dedicada á ciencia da man da Asociación Galega de Comunicación Cultura Científica e Tecnolóxica e o CSIC Galicia. Foi unha mañá intensa na que nenos e adultos achegáronse á divulgación científica de maneira divertida. Unha mañá na que a programación familiar incluíu tamén os concertos de Lydia Botana “De aquí para alá” na Carpa e de “Sira e o robot”.
Unha mañá especial na que Xosé Neira Vilas foi lembrado nunha edición da feira que contaba coa súa presenza, truncada polo seu falecemento a semana pasada. A editorial Galaxia mantivo o acto de presentación do seu último libro “Romaría de Historias” converténdoo nunha homenaxe á vida e obra do autor de Gres. Tamén habilitouse un Espazo Neira Vilas presidido por un retrato do escritor no que os visitantes van deixando en post-it as súas impresións. A frase máis repetida: “Eu tamén son un neno labrego”.
A mañá do sábado contou ademais coa presenza dos poetas Gonzalo Hermo e María do Cebreiro da man da editorial Apiario e da presentación dos números especiais da revista Luzes coa participación do escritor Manuel Rivas. Houbo moitos escritores durante o día grande do Culturgal: Ondjaki, Isaac Xubín, Marcos Calveiro, Manuel Portas, Arantza Portabales, Andrea Maceiras, Héctor Cajaraville e Erica Esmorís.
Ademais Manuel Rivas recitou versos do seu último poemario A boca da terra durante a tarde.
A oferta literaria redondéouse coa mesa de literatura fantástica organizada por Urco.
A música foi da man da Orquestra Os Modernos, Cristian Silva que presentou o seu disco Ego coa participación de Davide Salvado, Sanjurjo e Dopico e Celtic Music System. Ademais Caxade protagonizou o acto de presentación do disco gravado o pasado ano no Culturgal xunto a Banda de Bandeira. E atención, presentouse no Culturgal a Escola do Rock de Paredes de Coura, vila achegada na veciña Portugal. Unha iniciativa que acolle a rapaces a partir de 14 anos.
Durante a tarde houbo moita programación infantil con música e teatro: Migallas, Iván e o lobo gris, O souto dos prodixios, Çe Orquestra Pantasma, BocAberta e Artello Teatro. Sen dúbida nesta xornada os berros de entusiasmo dos nenos escoitáronse no recinto e na carpa onde tiveron lugar os concertos familiares. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tamén aproveitou o Culturgal para presentar a súa vindeira edición en 2016.
Tamén foi tarde de webseries no Culturgal cunha programación audiovisual que rematou a xornada coa proxección de Las altas presiones de Ángel Santos. Concellos e entidades presentaron as súas iniciativas culturais durante o día e a Asociación de Actores e Actrices desenrolou un acto no que celebrou os 30 anos de asociacionismo.
DÁ DE CONTAR A QUEN PASA
Pechou Culturgal ás 21 horas pero o sábado a festa continuou no Auditorio do Pazo da Cultura. Candido Pazó, Celso Fernández Sanmartín, Lucía Aldao e María Lado. Catro dos mellores contadores de historias reunidos no escenario do Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. Foi ás 21:30 con Dá de contar a quen pasa, o espectáculo especial do Culturgal 2015.
Relacionadas:
-
RADIO.- La Playlist: Xubín, un Premio Nacional da Crítica con vida errante
Por Marisa Ciordia |
-
A Deputación, satisfeita pola "elevada participación dos concellos" no Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal pecha a oitava edición con cifras de público similares ás de 2014
Por Redacción |
-
Así foi o domingo no Culturgal
Por Redacción |
-
O Salón do Libro presenta o cartaz da súa 17º edición "Canta Bichería!" dentro do Culturgal
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Abre as portas o Culturgal, a cita no Recinto Feiral para presumir de cultura galega
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A exposición 'Somos espazo' e unha unidade didáctica sobre Castelao, propostas da Deputación para Culturgal
Por Redacción |