A Deputación, satisfeita pola "elevada participación dos concellos" no Culturgal
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra fai unha valoración moi positiva da súa participación na Feira das Industrias Culturais (Culturgal), onde este ano, por primeira vez, a institución contou cun posto propio no que amosar a oferta cultural dos concellos da provincia.
Segundo os datos facilitados polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, o posto da Deputación deu cabida a 34 concellos e 12 deles realizaron actividades culturais propias. Na súa opinión, "foi moi significativa a elevada participación dos concellos a pesares da premura coa que foron convidados, o que indica o seu interese por difundir e poñer en valor a súa oferta cultural".
Ademais, Xosé Leal adiantou que en posteriores edicións teñen previsto "manter a aposta de darlle cabida aos concellos" e a Deputación estudará con máis tempo diferentes fórmulas para "mellorar aqueles aspectos máis febles".
Xosé Leal asegurou que "aínda que destacou a presenza da oferta en patrimonio natural e etnográfico, en conxunto puido verse unha gran variedade de ofertas culturais o que supón un reflexo da riqueza cultural do conxunto do territorio da provincia". Indicou ademais que "houbo concellos moi activos na promoción das súas actividades durante os tres días de feira, o que dá fe da importancia e do valor que en cada concello lle dan ás súas propostas culturais".
A Deputación tamén difundiu material audiovisual relacionado co Museo de Pontevedra e coas efemérides relacionadas con Castelao que se celebrarán no ano 2016. Así, puxéronse ao dispor do público traballos do Servizo de Publicacións da Deputación, entre os que se contaba a unidade didáctica sobre as estampas de nenez de Castelao titulada 'A nenez galega a través dos anteollos de Castelao', que tamén foi presentada oficialmente no programa da feira.
Relacionadas:
-
O patrimonio, eixo central do posto que a Deputación instalará no Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal pecha a oitava edición con cifras de público similares ás de 2014
Por Redacción |
-
Así foi o domingo no Culturgal
Por Redacción |
-
O sábado, día grande de Culturgal 2015
Por Redacción & Diego Torrado |