O Proxecto Orquestral de Cangas 2015 xa ten a súa réplica en DVD
Por Marisa Ciordia
Ademais de pobo encantador, como di o seu himno, Cangas ten fama tamén de tradición musical. Unha tradición que evidencia o PROC, o Proxecto Orquestral que xurdiu de man do Conservatorio e a Escola de Música de Cangas. O público pontevedrés tivo ocasión de asistir a varios recitais destes mozos músicos e os dous últimos están recollidos en DVD.
O último, correspondente ao concerto que ofreceron en xuño de 2015 no Pazo da Cultura acábase de presentar no Consistorio pontevedrés. Editáronse mil copias que se están a distribuír de forma gratuíta en centros escolares, entre outros músicos e que para os interesados en telo, pódese recoller nas oficinas de Cultura do Concello de Pontevedra.
Alberto González Avilés, director do PROC, afirmaba durante a presentación que en cada concerto que ofrecen en Pontevedra "sentimos como na casa". O repertorio que ofrecen adoita ter un peso importante nas bandas sonoras do cinema; neste último vídeo con temas de Leonard Bernstein e John Williams. Completan con algunha peza clásica e tamén resulta tan habitual como rechamante e excepcional a presenza do arxentino Astor Piazzola.
"Somos unha orquestra modesta", sinalaba o seu director, pero prometedora, tendo en conta a súa mocidade: a media de idade é de 16 anos, con integrantes que van desde os 12 ata algo máis de 50 anos.
A recado este 2016 haberá ocasion de volver velos e escoitalos en concerto, tendo en conta que "a colaboración está servida" como afirmou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e "hai que seguir fomentando estes eventos". Mentres tanto, desde o sofá de casa podémonos recrear co PROC 2015.