Mariano Casas volve "á carga" cun novo cómic
Mariano Casas volve cun novo proxecto para o que pide a colaboración de xente interesada na actividade artística a través dun crowdfunding. Outra das súas obras, El Club del Miedo, xa foi financiada a través desta plataforma dixital.
La Carga (Manual de Autoayuda para Culpables) narra a historia de dous amantes, dos que descoñecemos case todo, aínda que o iremos intuíndo aos poucos a través das súas conversacións. Tentan fuxir deixando atrás o seu pasado da forma máis abrupta posible e viaxan por unha enorme chaira, nunha vella furgoneta, cunha enigmática carga da que queren desprenderse. Pero a carga máis pesada é a da súa propia culpa, da que non se desfarán facilmente.
Nesta ocasión, Casas móstranos un cómic con guión e ilustracións propias, formado por 84 páxinas en negro, portadas impresas en serigrafía a dúas tintas na maior parte da súa tirada (250 exemplares) e en gravado numerado no resto (50 exemplares).
As achegas dos mecenas que colaboren servirán para sacar o libro adiante, ademais de para envialo a casa de cada colaborador asinado polo autor e para algunha sorpresa máis.
Os que queiran participar neste novo proxecto do artista poden axudar cunha achega na ligazón http://www.verkami.com/projects/14113-a-carga#