Verónica Tello, soprano: "En España é moi difícil acceder aos grandes teatros, dan moi poucas oportunidades"
Os amantes da ópera teñen unha cita ineludible o vindeiro luns 22 de febreiro en Pontevedra. O auditorio de Afundación acollerá a partir das oito da tarde unha Gran Gala Lírica, coa que a compañía Concerlírica pon en marcha a primeira edición do Festival Internacional de Ópera Cidade de Pontevedra.
O coro e a orquestra da Internacional European Filarmonia serán os encargados de poñer música a esta Gran Gala Lírica que contará entre o seu elenco co tenor coreano Biyung Le, a soprano española Verónica Tello -coa que PontevedraViva falou días antes deste evento-, os barítonos Vladislav Lisak e Pedro Carrillo, o baixo Luri Marinescu e as sopranos Tatiana Virlan e Rodica Piceranau, todos solistas internacionais de gran renome.
En Pontevedra, interpretarán os fragmentos máis coñecidos de óperas como Aida, La Traviata, Rigoletto, La Bohème, El barbero de Sevilla ou Carmen, entre outras. O coro estará dirixido por Ion Bratescu e o director de orquestra será Nicilay Dojotaru.
Verónica, por que se escolleu Pontevedra para esta Gran Gala Lírica?
A compañía tíñao claro. Primeiro por este espectacular auditorio, que ten unhas instalacións marabillosas. Pero sobre todo pola tradición. Cada vez hai un maior número de persoas que se están afeccionando á ópera e Pontevedra converteuse nun punto de referencia. Isto hai que aproveitalo e facer que chegue ao público. Pola miña banda, déstesme unha acollida fantástica. Foi todo moi emotivo.
Serás unha das protagonistas desta gala. No teu caso, como empezaches na ópera?
Foi un pouco por casualidade. Non foi porque tivese alguén na familia que me inculcase este mundo. Un día vendo a tele poñían unha ópera en directo desde o Teatro Real e dixen: "isto que é". Sorprendeume e púxenme a investigar. Tiña 20 anos, apaixonoume tanto que foi un non parar. E ata agora. Pasei dun descoñecemento total a unha adicción máxima.
É fácil entrar neste mundo?
"A maioría dos grandes teatros nin sequera te escoitan. Buscan só grandes nomes e así é complicado abrirse camiño"
Non tanto, porque non hai moita información sobre o tema. Son poucos os centros onde podes formarte. Hai conservatorios e moitas academias, pero é bastante complicado seleccionalas, elixir ben a formación, os mestres adecuados... É un labor teu persoal, se realmente che interesa vas en busca do mellor e do que realmente che convén.
E cando conclúes esa formación, que?
Iso é o máis complicado. Cando estás a estudar pensas, que difícil é todo. Pero non, é peor agora cando realmente te queres abrir un camiño profesional. Está todo moi pechado. En España é moi difícil acceder aos grandes teatros, dan moi poucas oportunidades. Dáse prioridade sempre ao de fóra en lugar do de dentro. Aínda que iso pasa non só na lírica, senón en todos os ámbitos da vida.
Non se dá oportunidades aos mozos?
Eu estou a empezar, pero está a custarme moitísimo. Valoran o teu talento pero non hai oportunidades. Esta compañía está a apoiarme, pero a maioría dos grandes teatros nin sequera te escoitan. Buscan só grandes nomes e así é complicado.
Con esta Gran Gala Lírica debutas en Pontevedra, que imos ver nela?
Toda a xente que veña vaise a atopar non só grandes e espectaculares voces, senón tamén artistas dos máis importantes que hai no panorama operístico e un repertorio difícil pero moi bonito. É como grandes hits da ópera. Vai ser moi entretido, a pesar de que é longo. Se non son afeccionados á ópera, é unha gran ocasión para converterse nun. Será unha honra que nos acompañen esta noite. Seguro que lles vai a gustar.
É entón un bo momento para iniciarse na ópera?
É o ideal, vir a un concerto que abarca grandes óperas e escoitar diferentes extractos e arias de todas elas. A xente pode ir facendo o oído e vanlle a soar moitas das cousas que se van a interpretar, mesmo por oílas en anuncios da televisión. Iso vai facer que se enganchen e queiran profundar no xénero.
"Toda a xente que veña á gala vaise a atopar con grandes hits da ópera. Vai ser moi entretido"
E para un artista é un reto maior que enfrontarse a unha ópera enteira?
É diferente. O enfoque é diferente. Unha ópera é como unha película, é unha historia concreta na que es un actor que canta. A túa mentalidade como artista cambia. Nun concerto méteste no personaxe no momento da canción, pero non durante dúas horas nas que te namoras, te pos enfermo e morres. Isto é máis ameno, a pesar de non ir con vestiario da época nin cun decorado elaborado. Tentas captar ao público en cinco minutos, dando o mellor de ti.
Que expectativas tedes con esta gala?
Hai moitas cidades de España e Europa nas que se fan este tipo de galas. Este vai ser o primeiro festival e preténdese que Pontevedra se una a este circuíto. Que entre a formar parte desta lista de grandes festivais e se consolide. E no futuro que veñan máis galas, tamén no verán ou noutras estacións. Esperemos que así sexa.
Relacionadas:
-
Traxedia e homenaxe no II Festival de Ópera de Pontevedra
Por Antía Fernández Buján |
-
A Gran Gala Lírica abre o I Festival Internacional de Ópera Cidade de Pontevedra
Por Mónica Patxot |
-
'Rigoletto' e unha gala lírica, oferta da primeira edición do festival de ópera Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |