A facultade de Belas Artes acolle unha nova exposición de Arte Contemporánea na Sala X
A estudante do máster de Arte Contemporánea: Creación e Investigación Nerea Lores inaugurou este xoves 25 na Sala X unha exposición que reúne obras do profesor Xoán Anleo e das egresadas Dana Díaz, Begoña García-Alén e Clara Sobrino, xunto coa proposta conxunta dos titulados Manuel Mata e Dennise Vaccarello.
A exposición leva por título un símbolo que remite ás barras de ecualización dunha cadea de música. A idea central é achegar ao espectador tanto a idea do son como o silencio que o acompaña. "O silencio é necesario aproveitalo á hora de comunicarse coa obra de arte", declara a autora.
"O título é unha referencia ao visual, ao son, pero tamén unha imaxe que inclúe os espazos baleiros e silenciosos que deben estar presentes para xerar unha composición", engade Nerea Lores.
O coordinador da Sala X, Ignacio Barcia; o responsable de Extensión Cultural do Campus, Manuel Morquecho; e a vicedecana de Organización Académica e titora do traballo de fin de máster de Lores, Susana Cendán, foron os encargados de acompañar á estudante nesta inauguración.
A intención da licenciada en Historia da Arte era vincular o seu traballo de fin de máster coas dúas especialidades que cursou nesta titulación, arte contemporánea e historia da música. Así é, que unha peza de John Cage de 4 minutos e 33 segundos de silencio, converteuse na referencia clave para "profundar nas posibilidades do silencio en función do espectador e do momento".
As obras expostas "teñen ou tiveron algo que ver coa facultade", destaca Nerea. O espazo central desta sala presídeo a obra de Mata e Vaccarello, unha creación na que mesturan as imaxes con textos redactados nun idioma que só eles coñecen, o que leva ao espectador a "a posibilidade de inventar un significado ante unha comunicación semiausente", engade a comisaria da exposición.
Ao seu lado, García-Alén presenta dúas pezas que Lores define como "paisaxes suspendidas no tempo", mentres que Dana Díaz propón unha reflexión ao redor de conceptos como "a soidade, a indiferenza ou a memoria", cunha instalación realizada a partir dunha serie de cadeiras, coas que vincula os campos da arte e do deseño.