O galego, nas boas mans de Migallas Teatro e Luis Davila
Por Redacción & Diego Torrado
Luis Davila e a compañía Migallas Teatro sumáronse na noite deste venres a un destacado palmarés, o dos gañadores do premio Xoán Manuel Pintos, polo seu labor de impulso do uso da lingua galega.
A entrega destes galardóns, que conceden o Concello de Pontevedra e a Rede Amiga da Lingua (REAL), tivo lugar no Pazo de Mugartegui. Con eles, ademais, búscase manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa do noso idioma.
O humorista gráfico Luis Davila, autor da colección O Bichero, foi premiado pola enorme capacidade de comunicación do seu traballo que consegue achegar diariamente a lingua galega de maneira normalizada a todos os ámbitos sociais e ao público de todas as idades.
Ademais, o xurado destacou que a través do seu traballo a nosa lingua recupera e ve dignificados os rexistros máis populares, transmite e valora as novas do día, reflicte a nosa cultura e a nosa idiosincrasia e fai que cada día miles de persoas busquen nas súas viñetas en galego a denuncia social atinada e a crónica actual a través da retranca e do humor.
Pola súa banda, o premio a Migallas Teatro é un recoñecemento a toda a súa traxectoria. Son xa máis de vinte anos de traballo incansable para facer normal o uso da lingua galega en todo tipo de artes escénicas dirixidas ao público infantil e familiar, onde reside o futuro da lingua.
O seu traballo céntrase de maneira especial no teatro e na música, xa que Migallas mantén varias obras en carteira, concertos e discos publicados, pero o xurado tamén salientou a recollida oral da nosa tradición de contos, cantigas, xogos de dedos, que xenerosamente se atesouran e publican no portal A Orella Pendella.
A entrega destes premios estivo presidida polo concelleiro de Normalización Lingüística, Alberte Oubiña; e pola tenente de alcalde, Carme da Silva, esta última ante a ausencia do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Relacionadas:
-
O premio Xoán Manuel Pintos ao compromiso co galego ábrese á cidadanía
Por Natalia Puga |
-
Migallas celebra os 20 anos da gravación de 'Canta connosco!'
Por Redacción |
-
Migallas Teatro e Luís Davila, galardoados co Premio Xoán Manuel Pintos 2016
Por José Alberto Graña Pérez |
-
Quen gañará o Premio Xoán Manuel Pintos ao impulso do galego?
Por Redacción |