A praza da Ferrería, escaparate dos creadores pontevedreses nunha nova edición de Artistas na Rúa
Mostrar un día de traballo de seis artistas é o obxectivo principal da segunda edición de Artistas na Rúa, un proxecto que busca poñer en alza a creatividade dos autores pontevedreses ofrecéndolles mostrar como é o día a día no seu traballo.
Con esta premisa, as promotoras do evento María Rey e Bea Mazaira levaron a cabo a presentación este 4 de marzo xunto coa concelleira Anxos Riveiro. As persoas que desexen participar poderán inscribirse desde este mesmo 4 de marzo ao 7 de marzo.
Os artistas seleccionados, que poderán ver as súas obras expostas o 30 de abril na Praza da Ferrería, serán escollidos por unha comisión formada por parte do profesorado de Belas Artes e por membros de MR Xestión Cultural, vendo como o seu proceso de traballo estará aberto ao público "facendo real o que outros mitifican", admitiu María Rey.
O evento artístico ofrecerá novidades con respecto ao ano pasado en canto á organización, xa que os seis artistas traballarán nun mesmo día durante a mañá e a tarde en períodos de tres horas. Os artistas visuais, locais e maiores de idade deberán realizar propostas concretas, buscando a interacción co público e o atractivo visual, como algúns dos requisitos necesarios para a participación.
Doutra banda, Bea Mazaira afirmou en canto aos artistas, que esperan "que se apunten moitos máis para que haxa moita máis diversidade". Tamén ofreceu os datos acerca das condicións laborais que se lles ofrecerán para a participación onde contarán con "contrato durante as seis horas que traballen, salario de 200 euros e dispoñerán de 50 euros para material".
En relación á documentación para presentar, a través do correo mrxestioncultural@gmail.com, destacan como necesarias unha proposta do proxecto para realizar nesas seis horas de traballo en formato PDF, curriculum vitae, un documento que certifique a súa vinculación coa cidade de Pontevedra e un compromiso asinado do acordo entre ambas as partes.