'Miss Ledyia' regresa ao Teatro Principal un século despois da súa estrea
Por Redacción
Hai 100 anos, o 3 de marzo de 1916, o Teatro Principal de Pontevedra acollía a estrea de 'Miss Ledyia', o primeiro filme galego de ficción. Este venres 4, o Principal volveu vestirse de gala para acoller unha proxección deste curto de 20 minutos no que intervén Alfonso R. Castelao como actor secundario encarnando a un pastor protestante que nunha secuencia porta unha arma para deter ao anarquista Ruskin.
Esta cinta pertence aos fondos do Museo de Pontevedra desde o ano 1947 e contou coa colaboración da Filmoteca Nacional e do CGAI para a súa restauración.
No acto de conmemoración do centenario desta estrea acudiron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o director do AGADIC, Jacobo Sutil, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares ou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal.
O catedrático xubilado de Historia do Cinema da Universidade de Santiago, Ángel Luis Hueso, realizou unha pequena introdución histórica dos tres filmes que se proxectaron durante este evento: 'Botadura do acorazado Alfonso XIII' 'O Ano Santo en Compostela' e 'Miss Ledyia', que foi acompañada pola música en directo do pianista Nani García.
José Gil foi o director de 'Miss Ledyia', un pontevedrés das Neves e que escolleu como escenarios lugares da provincia e da cidade como o Hotel da Toxa, exteriores en Lérez, Monte Porreiro, A Caeira e Portosanto. A historia conta a chegada a Galicia dun multimillonario americano acompañado da súa sobriña. A trama desenvólvese a partir da chegada dos reis de Suavia e a presenza dun anarquista que quere atentar contra eles. Entre a repartición atópanse personaxes de Pontevedra moi coñecidos no seu momento como Fefa Sandoval, Marina Fonseca, Clara Sobrino, Víctor Mercadillo, Blanco Porto ou Isidoro Millán.
A cinta foi descuberta nos fondos do Museo de Pontevedra por José María Folgar durante a década dos 80 mientres traballaba na súa tese doutoral sobre a historia do cinema galego.