Tricicle ofrece unha función máis de Bits en Pontevedra ante a demanda do público
O trío de cómicos cataláns Tricicle chega arrasando a Galicia co seu novo espectáculo Bits. Só estaba previsto que actuasen o vindeiro mércores 16 en Pontevedra, pero debido á gran demanda do público ampliouse a outra función o martes 15. Ambas terán lugar ás 20:30 horas no Auditorio Sede Afundación.
Bits é a oitava obra do trío Tricicle, un grupo de teatro gestual, no que o humor é a base fundamental de todos os seus espectáculos. Bits preséntanos un escenario dixital repleto de bits, as unidades mínimas de información. Así durante a representación os cómicos poden cambiar de sketch, de personaxe e de decorado cando o ven máis oportuno, creando desta maneira un show dinámico e sobre todo moi divertido.
"Internet é simplemente un nexo entre sketches. Non quixemos facer unha teoría sobre internet, sobre a comunicación, xa que ese sería outro espectáculo, e en Bits, ao final, somos nós: Tricicle pode ofrecer algo novo ata certo punto, pero non podemos deixar de lado o noso selo", destacan os compoñentes.
Tricicle creouse en 1979 en Barcelona como compañía de xesto, representando pequenos sketches en rúas e espazos alternativos. Os seus tres actores-fundadores: Joan Gràcia, Carles Sans e Paco Mir eran alumnos do Institut do Teatre de Barcelona. En 1982 deron o salto ao circuíto profesional, estreando Maniacómic, que foi un soado éxito de críticas e público. En 1984 estrean EXIT, co que conseguiron saír por primeira vez fose do país, facéndose así un lugar no panorama teatral europeo.
A súa consolidación definitiva chegou en 1986 con Slastic, xa que conseguiron encher os teatros onde actuaron, tanto de España como de Europa. Logo estrearon Terrífic e máis tarde Entretrés e Sit. Bits é o seu último traballo estreado no 2012, continúan coa xira polos mellores teatros españois, cultivando éxito alí por onde pasan.
En Vigo actuarán no Teatro Afundación o venres 18 ás 20:30 horas e o sábado 19 en dous pases, un ás 18:00 horas e outro ás 20:30 horas.
As entradas para ambas as cidades están á venda en www.ataquilla.com, cun desconto do 10% para persoas desempregadas, xubiladas e xóvenes.
Relacionadas:
-
Carles Sans, membro de Tricicle, presentará en Pontevedra a súa primeira comedia en solitario
-
O humor xestual de Tricicle triunfa en Pontevedra con "Bits"
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O musical do Mago de Oz regresa a Pontevedra
Por Redacción |
-
Volve o teatro a Afundación con Veronica Forqué sobre o escenario
Por Redacción |