'As peripecias de Extravaganzza Pérez', Orbil e moita bichería para facer medrar o amor polos libros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Entre o 1 e o 23 de abril Pontevedra volverase converter na capital da literatura para nenos e mozos grazas ao XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que este ano leva como nome 'Canta bichería!' e está ambientado no libro As peripecias de Extravaganzza Pérez, escrito de xeito exclusivo para o evento por Ledicia Costas.
A inauguración correrá a cargo de Lucía Aldao e María Lado, que prepararon un espectáculo específico en colaboración co Seminario Permanente de Jazz para abrir unha edición que, coa temática deste ano, quere homenaxear aos animais, dos que a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, lembra que "moita literatura infantil xira entorno a eles".
Anxos Riveiro e a mascota do salón, Orbil, presentaron este xoves unha programación na que figuran 320 actividades abertas ao público xeral e outras 132 para os centros de ensino, tanto os colaboradores como os que van acudir aos espectáculos e accións programadas.
Polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pasarán este ano 45 centros de ensino, o que suporá nove máis ca na edición anterior e un total de 5.000 escolares de educación infantil, primaria e secundaria. A maiores, 7.000 escolares -1.200 máis que en 2015- asistirán aos 7 espectáculos programados para infantil, primaria e secundaria e ás visitas guiadas á sala.
Este ano, ademais, estableceuse colaboración coa ONCE, que habilitou unha parte do espazo do Salón cunha exposición para persoas con dificultades visuais, e con outros centros que traballan con persoas con algunha discapacidade, como o CEEPR Mecos, da Asociación BATA, de tratamento do autismo e a asociación Amencer Aspace, que atende a persoas con parálise cerebral.
Tamén como novidade, este ano 2016 o Salón establecerá unha colaboración co Cineclube de Pontevedra en función da que se establecerán unha serie de proxeccións de cine infantil.
Dentro da programación, ao longo de seis mañás realizaranse cinco sesións de contacontos e seis obradoiros para agasallar ao alumnado de infantil e primaria dos centros colaboradores, realizando todos eles a posteriori unha visita guiada á sala. Ademais, nas actividades concertadas con centros de ensino colaboradores participarán un total de 45.
O Pazo non é o único escenario no que se desenvolverán as actividades previstas para este ano. Como antesala, Orbil, percorrerá as rúas pontevedresas e achegaralles aos nenos do Hospital Provincial un lote de libros. E o primeiro aperitivo deste 'Canta bichería!' será xa entre o próximo luns 21 e o xoves 28 coa actividade 'Merendando Contos', na que varios contacontos percorreran as librarías Cronopios, Seijas, Aviones de Papel, D-Lectum, Paz, Nobel e a libraría-xoguetería Estrellas o Limones ás 18.00 horas.
Relacionadas:
-
Orbil despídese ata o próximo ano tras recibir 1.400 visitas diarias en 'Canta bichería!'
Por Diego Torrado & Natalia Puga |
-
Busca os libros de 'As peripecias de Extravaganzza Pérez' en puntos emblemáticos da cidade
Por Redacción |
-
Este venres abre o Salón do Libro para bichos e público en xeral
Por Redacción |
-
Orbil chega cargado de agasallos ao hospital
Por José Alberto Graña Pérez |
-
A ambientación do Salón do Libro vai espallarse polo centro histórico
Por Redacción |
-
"Merendando contos" cos máis pequenos nas librerías de Pontevedra
Por Elena Álvarez Quintá |
-
Os 'bichos' invaden o Pazo de cara o Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Extravaganzza Pérez, unha nena coas ideas moi claras, protagonista do novo libro de Ledicia Costas
Por Elena Álvarez Quintá |
-
O Salón do Libro presenta o cartaz da súa 17º edición "Canta Bichería!" dentro do Culturgal
Por Redacción & Diego Torrado |
-
'As peripecias de Extravaganza Pérez' de Ledicia Costas, primeiro libro editado con motivo do Salón do Libro
Por Anxo Lourido |
-
Os animais, protagonistas do XVII Salón do Libro baixo o título 'Canta bichería!'
Por Redacción |