Insisten en pedir á Deputación Provincial a autoxestión do Museo de Pontevedra

Por Anxo Lourido
Membros do Consello Reitor da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (AMUPo) deron lectura á Declaración que elaboraron para reivindicar a figura de Sánchez Cantón. O acto levouse a cabo entre os Edificios Fernández López e o Castro Monteagudo, ante o medallón de Castelao.
Alí, o secretario desta entidade Ernesto Vázquez-Rey afirmou que con motivo do Día internacional dos Museos, dentro dos actos con motivo do Ano Castelao, seleccionaran este espazo no que historicamente a varanda dividía a paisaxe cultural dos predios rústicos de Pontevedra para dar lectura este comunicado no que se pon en valor a figura de Francisco Javier Sánchez Cantón, o pontevedrés que dirixiu o Museo do Prado. En xuño de 1936, o historiador realizou unha transmisión radiofónica, cando era subdirector do Prado, para encomiar o labor da República ao decretarse a varios inmobles a categoría de monumentos e solicitar a asignación de crédito para esta iniciativa. A gravación consérvase no Museo de Pontevedra e para Vázquez-Rey esa situación sería extrapolable á actualidade.
REIVINDICACIÓNS
O representante do colectivo sinalou que seguen reclamando que o Museo Provincial se converta nunha entidade xurídica propia, que non dependa da Deputación. Apuntou que se trata dunha reivindicación "ética" porque os deputados do PSOE e do BNG que agora gobernan na Deputación realizaran esa reclamación cando gobernaba o Partido Popular. "O deputado de Cultura segue sendo presidente do Museo con funcións habilitantes", sinalou Vázquez-Rey mentres indica que o director segue sen contar con poder de decisión completo.
O secretario de AMUPo lamenta que, desde hai aproximadamente un ano, continúen pechados ao público o edificio García Flórez e tamén o edificio Castro Monteagudo tras os traballos realizados para explorar a realización de obras de adaptabilidade.