Afundación celebra o décimo aniversario da rehabilitación do edificio da súa sede
Por Redacción
Con motivo do décimo aniversario da rehabilitación do edificio que ofrece acubillo á sede de Afundación en Pontevedra, na praza de San Xosé, este martes iníciase un programa de actividades con visitas guiadas e talleres que van dirixidos a escolares co obxectivo de ofrecer datos sobre a historia deste centro e as súas características arquitectónicas.
O edificio que foi rehabilitado polo arquitecto pontevedrés César Portela acollerá o vindeiro xoves 30 de xuño un concerto da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra dedicado a Castelao, no que se poderá ver un pano deseñado polo artista para un concerto da Polifónica en 1926 e que custodia o Museo de Pontevedra.
A partir de setembro desenvolveranse conferencias e visitas guiadas para adultos coa intención de que os visitantes poidan profundar nas propiedades do inmoble, relacionado co contexto histórico no que se construíu o edificio orixinal no ano 1944 e as posteriores remodelacións.
Durante este martes, ás 16.00 horas, participarán 85 escolares que coñecerán os espazos e as súas características arquitectónicas. Tamén intervirán nun taller de arquitectura sobre como realizar unha rehabilitación exterior e interior dun edificio.
En xullo, Afundación poñerá en marcha os "Mércores de arquitectura", dirixidos a menores de 11 anos, con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento previa reserva no 986.333.210. Trátase de dous talleres, de catro días de duración na que os escolares construirán a súa casa de bonecas ou debuxarán os planos dunha vivenda.
EDIFICIO EMBLEMÁTICO
A sede de Afundación en Pontevedra foi inaugurada o 16 de xullo de 2006. Este edificio conta con 12.000 metros cadrados, dispón dun auditorio para 737 persoas, unha sala de conferencias para 120 persoas e un espazo destinado a exposicións e almacénde obras da Colección de Arte Afundación.
O inmoble conserva as dúas fachadas de pedra da obra orixinal de 1944, ás que o proxecto de César Portela sumou un cubo vangardista. Na última planta atópase unha terraza cunha figura de Teucro, realizada en bronce de 6 metros de alto e 2.000 quilos de peso, obra de Cándido Pazos. O vestíbulo contén cinco obras do artista pontevedrés Sergio Portela, que se suman aos baixorrelieves de Xoán Piñeiro, situados na antiga fachada de pedra. O edifcio contén antigas vidreiras da Virxe Peregrina e a sala de consellos, obra do artista checo Antoine Machourek, fundador da Escola de Mosaicos do Mosteiro de Poio, en 1960.