"Bon Appetit" da compañía Ghazafelho: o teatro que alimenta
Por Redacción
Antua de la Sardiní, Philip de Toucignom e Fransuá de la Berenxem son tres chefs que nos van amosar os segredos da cociña galega seguindo o prestixioso libro de receitas de Álvaro Cunqueiro, A Cociña Galega. ÿ o fío argumental de Bon Appetit, o espectáculo da compañía de teatro Ghazafelhos co que o ciclo Domingos do Principal continúa a súa andaina. Representarase no Teatro Principal este domingo 24 de febreiro ás 12:00 e ás 18:30 horas.
Bon Appetit é unha comedia onde a cociña tradicional galega é o ingrediente perfecto para escachar de risa, na que o sinxelo pode ser tremendamente difícil e o divertido pode ser moi perigoso. Explosións, labazadas, persecucións, sustos, malos entendidos... son os ingredientes para unha comedia total en clave de clown que leva meses facendo rir aos nenos de toda Galicia.
Teatro Ghazafelhos é unha compañía nada na comarca de Ferrolterra no ano 2006 e creada por Montse Piñón e Pepablo Patinho. Centrándose no traballo de títeres, animación e teatro actoral especialízanse na realización de obras teatrais para público familiar.
Na su andaina como compañía realizan contacontos, mímica, títeres ou talleres de teatro para grupos infantís e de adultos. Adoptando ideas como as de Michael Ende en Momo de "escoitar aos demais..." ou Antoine Saint Exupéry, "o esencial é invisible aos ollos..." e intentando contar historias sinxelas e profundas como Charles Chaplin, Ghazafelhos soña con evocar nas súas historias ás grandes xenialidades que entenderon o máis efímero da vida: a infancia.