O FICBueu agarda "manter a maxia" do seu comezo nunha ambiciosa novena edición
Por Alejandro Espiño
Un total de 60 obras procedentes de 23 países proxectaranse entre os vindeiros 10 e 18 de setembro na novena edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu), segundo desvelaron os seus organizadores durante a presentación que tivo lugar este mércores no Museo Massó.
O festival afronta na súa novena edición "o desafío de manter a maxia dos comezos á vez que aumenta a súa dimensión", sinalou o seu director, Manuel Pena. Ademais, lembrou que con moi poucos medios, "o festival acadou unha programación internacional de primeirísimo nivel e contou desde o principio cun gran apoio do público".
Os países máis representados nesta edición do FICBueu son Francia, España, Estados Unidos e Reino Unido, aínda que tamén se recibiron títulos desde Nova Zelanda, Irlanda, Paraguay ou Palestina, entre outras procedencias.
As curtametraxes estrutúranse en sete seccións que se proxectarán polas tardes entre o sábado 10 e o venres 16, en horarios de 18, 20 e 22 horas.
Todos os pases terán lugar no Centro Social de Bueu. O mesmo espazo acollerá este venres a inauguración oficial do festival cunha conferencia sobre os inicios do cinema galego a cargo do catedrático José Luis Castro de Paz e a proxección de Miss Ledyia, estreada en 1916 e considerada a primeira película de ficción galega.
Na sección oficial, para a que se introduce a venda de localidades, concorren 20 pezas ademais das seis encadradas na sección Galicia, que entran tamén na competición polos galardóns do festival. O resto das curtas agrúpanse nos apartados de Comedia, Animación, Iberoamérica e Panorama.
A sección Competición resérvase para os días 12 a 15 de setembro, nos que se desenvolverá a habitual sesión dobre ás 20 e ás 22 horas, cos mesmos cinco títulos en cada xornada. A entrada individual terá un custo de 2 euros mentres que o abono, que xa pode adquirirse na web, ten un prezo de 6 euros; tamén se poderán mercar presencialmente a partir deste sábado ás 11 horas. O venres, os pases das 20 e 22 horas resérvanse para a sección Galicia.
Podes consultar o programa de proxeccións na páxina web do festival.
Á parte da carteleira de proxeccións, na que tamén están programadas sesións específicas para escolares, o FICBueu ofrecerá unha conferencia sobre Stanley Kubrick, un relatorio sobre a distribución de curtas, unha masterclass centrada na gravación con cámara reflex, un obradoiro de curtametraxes e un encontro co actor Celso Bugallo.
O programa complétase con outras accións para a dinamización do pobo, tales como a ruta gastronómica 'Tapas 5 Estrelas', un percorrido guiado polo sendeiro do litoral que leva a Cabo Udra e un paseo pola ría a bordo dunha embarcación tradicional.
Relacionadas:
-
Usuarios de Juan XXIII e actores profesionais rodan unha curta para o FIC Bueu
Por Redacción |
-
Máis de 2.000 persoas asisten ao FICBUEU nos primeiros catro días de Festival
Por Redacción |
-
Cinema galego para dar a benvida a un novo FICBUEU
Por Redacción |
-
Ademais de cine, o FICBUEU ofrece rutas de sendeirismo, de navegación e gastronómicas
Por Redacción |
-
As entradas para o FICBUEU sairán á venda este luns 29
Por Redacción |
-
Unha actriz brasileira, un director portugués e un realizador galego, xurado do FicBueu 2016
Por Redacción |