Cinema galego para dar a benvida a un novo FICBUEU
Por Redacción
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) abriu este sábado a súa novena edición co cinema galego como protagonista, tanto pola película que se proxectou como polo contido da conferencia inaugural, que correu a cargo do profesor José Luis Castro de Paz e xirou arredor do papel que os emigrantes desenvolveron nos comezos do cine galego.
José Luis Castro destacou que os emigrantes promoveron numerosas gravacións de carácter documental do chamado "cine de correspondencia" que "les ofrecían la única imagen viva de su Galicia, a la que nunca podrían retornar". A gran maioría desas obras perdéronse, pois "no había una consciencia histórica del valor que podían alcanzar para nuestro patrimonio".
Unha desas excepcións é o filme Miss Ledyia, que se proxectou na mañá deste sábado en colaboración coa Deputación de Pontevedra por mor do Ano Castelao e que se destaca por non cinguirse á realidade, xa que "en Galicia apenas existió la posibilidad de saltar del reportaje a la ficción".
O profesor comezou amosando algúns fotogramas do pioneiro José Sellier, operador e exhibidor de orixe francesa afincado na Coruña, no que se sitúa a orixe do cinema galego e español, para acabar centrándose na figura de José Gil, director de Miss Ledyia, curta xurdida por impulso dun grupo de mulleres da burguesía pontevedresa co fin de recadar fondos para a infancia.
O Festival Internacional de Curtametraxes continuou pola tarde coas sesións de proxección, que arrincaron cunha retrospectiva de André Marques integrada polos filmes O lago, Yulya e Luminita. O realizador portugués, que tamén é xurado do FICBUEU 2016, cualificou a programación como "xusta, innovadora, diversa e coherente". O segundo pase da tarde correspondeu á sección Panorama 1, con catro das mellores películas recibidas este ano pero que quedaron fóra de concurso, e terceira e última sesión estivo dedicada á comedia.
A programación continúa este domingo cunha nova conferencia, a cargo do profesor Xosé Nogueira, titulada 'Stanley Kubrick, o cine revisitado e a xeometría das imaxes' e centrada nas singularidades fílmicas deste director de culto.
Pola tarde continuarán as proxeccións con entrada de balde, ás 18.00, 20.00 e 22.00 horas. A primeira corresponderalle á animación, coa alemá Dissonance (Disonancia), a española Araan, a estadounidense Palm Rot (Palmeira podre) e a australiana The orchestra (A orquestra), ás que seguirán a suíza Islander's rest (Calma na illa), a tamén xermana In the distance (Na distancia) e a rusa We can't live without cosmos (Non podemos vivir sen cosmos).
O segundo pase será para a sección Panorama 2, na que se visionarán as francesas Punk à chien (Perroflauta) e Les frémissements du thé (A vía do té), así coma a danesa Pebbles at your door (Pelouros á túa porta), a irlandesa Change in the weather (Tempo de cambio) e a islandesa Úthýst (Desafiuzada).
Para a noite ficará o apartado dedicado a Latinoamérica, con representación de Arxentina, España e Paraguai nos títulos El infierno de Beatriz, Classmate (Compañeiro de clase), Los Ángeles 1991, Princesas e No me quites (Non me deixes).
Relacionadas:
-
Usuarios de Juan XXIII e actores profesionais rodan unha curta para o FIC Bueu
Por Redacción |
-
Arrancan as proxeccións para maiores dos centros de día do FICBUEU
Por Redacción |
-
A película croata 'Piknik', gañadora da novena edición do FICBUEU
Por Redacción |
-
Máis de 2.000 persoas asisten ao FICBUEU nos primeiros catro días de Festival
Por Redacción |
-
O FICBueu agarda "manter a maxia" do seu comezo nunha ambiciosa novena edición
Por Alejandro Espiño |
-
Ademais de cine, o FICBUEU ofrece rutas de sendeirismo, de navegación e gastronómicas
Por Redacción |
-
As entradas para o FICBUEU sairán á venda este luns 29
Por Redacción |