Manuel Darriba: "Non me estranaría que Compromiso por Galicia e máis sectores do BNG acaben integrados en AGE"
Por Alejandro Espiño
AGE, a emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, o terceiro título da colección Xornalistas de 2.0 Editora. Chega da man dos xornalistas Daniel Salgado (Monterroso, 1981) e Manuel Darriba (Sarria, 1973). Con este último conversamos durante a súa presentación na Librería Paz. O libro sae á venda apenas tres meses despois dunhas eleccións autonómicas nas que AGE converteuse na terceira forza política en Galicia.
Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz, Martiño Noriega e Xabier Ron son, principalmente, os protagonistas deste libro que narra, a través de entrevistas con todos eles, as claves do éxito deste novo proxecto político. Asegura Manuel Darriba que este formato "permitíanos poder ofrecer unha visión máis ampla da que tes nos medios para investigar e profundizar nun proceso que mudou notablemente o panorama político en Galicia".
A primeira pregunta é case obrigada. Como xurdiu a idea de facer este libro?
Foi unha cuestión que os autores plantexámoslle á editora porque parecíanos que era un tema moi interesante dentro da actualidade política de Galicia no ano 2012. Íamos encamiñados á colección de xornalistas que ten esta editorial e entón queríamos contar un pouco cales eran as raíces do proxecto de AGE en canto é un punto de inflexión na política galega.
E o formato do libro, tipo entrevistas, tíñadelo tamén claro desde o principio?
Si. Cando empezamos a preparar o proxecto, desde o principio pensamos en facelo a través de catro entrevistas. Facer un texto introdutorio que servise de contexto e que o resto do libro foran entrevistas a catro figuras representativas de AGE, dúas de Anova (Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega) e dúas de Esquerda Unida (Yolanda Díaz e Xabier Ron), para darlle un aire máis de crónica de urxencia que é o que realmente é e darlle máis viveza ás testemuñas.
Despois de seguir e analizar todo o proceso de AGE desde o seu nacemento ata agora, que cres que viron os cidadáns neste novo proxecto político?
"Moitos dos votantes de AGE buscaban algo que para eles institucionalmente merecese a pena e airease o panorama político galego"
Fundamentalmente había unha parte do electorado escorado á esquerda que buscaba un espazo que xa non atopaba no PSOE nin no BNG ou xente que xa non era tradicionalmente votantes deles pero que se identificaban con opcións de esquerda, libertarias ou dese rango político. Querían buscar algo que para eles institucionalmente merecese a pena e airease o panorama político galego. Empezou por aí e ese é o valor de partida, o capital co que empezou AGE.
Pero ese desencanto coa esquerda tradicional tamén se ve noutras comunidades, por que alí non se viviron fenómenos similares?
Si que están xurdindo noutros lugares este tipo de opcións, quizais máis minoritarias, pero que apuntan a buscar ese espazo, como CUP en Cataluña, un espazo que foi impulsado por todos os movementos cívicos, non só polo 15-M, que afloraron estes anos. A xente busca que as institucións se refresquen e irémolo vendo aínda máis co tempo.
Que valor lle das á figura de Xosé Manuel Beiras dentro do éxito de AGE?
ÿ indubidable que aportou bastante. Aportou carisma e lidera unha das locomotoras de AGE que é Anova. Pero aínda sendo importante, unha cousa está clara. Beiras por si só non conseguiu os nove deputados.
Pero agora o traballo no Parlamento está deixando ver outra imaxe, un proxecto menos personalista, non cres?
"Aínda sendo importante, unha cousa está clara. Beiras por si só non conseguiu os nove deputados"
O proxecto de AGE aínda non é sólido, está en construción. Pero está claro que hai un grupo parlamentario que se está facendo notar porque son cañeros. Pero é só un punto de partida. Parten con nove deputados, vindo desde cero algo que é algo moi destacable. Son a terceira forza, pero a partir de aí está todo por escribir.
Desde o principio falouse de AGE como a Syriza galega, pero houbo forzas de esquerda que quedaron fóra da coalición, chegará o día que se unan a esta fronte?
Eles mesmos usaron esa etiqueta. No libro fálase diso. Se xa o asunto xurde como unha fronte popular está claro que expresan a súa vontade de ampliala e ir a por Compromiso por Galicia, co que se estivo falando pero non se chegou a acordo, ou a por sectores do BNG e outras forzas dun amplo espectro. Non me estranaría que acabasen integrados en AGE. ÿ un dos retos que teñen por diante e que eles mesmos se marcan.
Ese sería o seu principal reto de cara o futuro?
En canto a forza política si, pero o reto principal desde a óptica do cidadán é que resulten útiles na política galega. Ese listón que puxeron tan alto cando falaban de achegar as institucións á cidadanía e de servir de dique de contención aos recortes sociais e á perda de dereitos, teñen que afianzalo con algún logro neste sentido.
Moito se fala da irrupción de AGE nos concellos. No 2015 haberá eleccións municipais, cres que se repetirá a coalición nelas ou cada forza irá por separado?
Iso é moi complicado de dicir. Sería o normal que se reeditara a coalición, pero os comicios municipais son moi particulares. Haberá moitos lugares nos que non haxa presenza de Esquerda Unida e Anova tamén estase expandindo aínda. Hai que ver cando cheguen ás eleccións como teñen conformado eles o seu mapa. Onde están presentes, onde non, onde podería xurdir unha candidatura de AGE directamente... que tamén podería ser. ÿ algo que é difícil de prognosticar. Se falamos das cidades máis emblemáticas e representativas, si se pode chegar a facer. Como por exemplo A Coruña ou Santiago, cidades onde AGE tivo votos e están ben implantados. Pero aventurarse a estas alturas é moi complicado.