About Art acolle unha exposición do artista chileno Luis Weinstein
Por Redacción
A galería About Art de Pontevedra acollerá, a partir do xoves 29 de setembro, a exposición Esto ha sido, un proxecto fotográfico do artista chileno Luís Weinstein.
Luís Weinstein, entre outras facetas, fotógrafo, xestor cultural ou xornalista, basea esta mostra nun libro de fotos.
Un xornal inicia o relato, a sombra das súas noticias informa toda a historia. Este diario dos guerrilleiros relata algún día baixo a ditadura militar de Pinochet, durante os longos anos 80 en Chile.
Trátase dunha narración fotográfica libre e reconstituida, armada desde un arquivo cheo de leves estratos do cotián, desde un lugar onde pululan os rexistros destes guerreiros anónimos, aqueles que sobreviviron e derrotaron a 17 anos de réxime castrense.
Segundo o propio Weinstein, esta mostra expón algunhas fotografías do libro, "un relato do meu país construído nun ton documental, coa evocación dunha época desde os códigos de lectura actuais", que como un xogo de bonecas rusas, teñen moitas veces imaxes e textos dentro delas, agregando outras capas de lecturas á serie.
Como actividades complementarias á exposición, About Art organiza unha conferencia dobre o día previo, o mércores 28 ás 20.00 horas na Casa das Campás, que imparten Horacio Fernández e o propio Luís Weinstein sobre o panorama do fotolibro latinoamericano e, particularmente, o proxecto editorial suramericano "Soño da razón".
Ademais, desenvolverase un taller de tres días na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, impartido por ambos sobre A narración fotográfica e o fotolibro, organizado en colaboración coa Vicerrectoría do campus de Pontevedra e as facultades de Ciencias Sociais e Belas Artes.