Os novos rostros do Tíbet no Sexto edificio do Museo
Por Redacción
Andrea López Iglesias é unha pontevedresa licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca. A pesar da súa xuventude, as súas obras xa formaron parte dalgunhas coleccións de gran prestixio como a do Centro Español de Manhattan en Nova York.
Ata o 31 de outubro, esta artista presenta a súa exposición Os novos rostros do Tibet no Sexto edificio do Museo de Pontevedra. Trátase dun proxecto pictórico formado por catorce retratos doutros tantos rostros infantís. Neles escóndense os relatos de catorce familias tibetanas exiliadas nos asentamentos de refuxiados das rexións de Pokhara e Kathmandú, en Nepal. Cada imaxe ilustra un relato escrito en tibetano, no reverso da obra. E cada obra é produto de entrevistas realizadas ás familias dos retratados.
A nova artista concéntrase no rostro dos suxeitos para mostrar así o seu carácter e angustia. Para iso emprega cores vivas e trazos grosos que xeran empatía no espectador.