Desde que fundou Bambú Producciones, a pontevedresa Teresa Fernández-Valdés non para de lograr recoñecementos ao seu traballo. O último deles vén da man da revista The Hollywood Reporter, unha das máis prestixiosas de Estados Unidos. Foi elixida como unha das 20 mulleres máis poderosas da televisión mundial.
Fernández-Valdés, produtora executiva de Bambú Producciones, asegurou que este recoñecemento é "un paso máis" na súa traxectoria internacional.
A revista destaca que o novo reto da produtora pontevedresa é "crecer no mercado internacional" mentres mantén o seu nivel de produción en España. "Só nese momento sentiremos que triunfamos", confesa neste artigo.
A executiva pontevedresa é a responsable dalgúns dos grandes éxitos da ficción española en televisión dos últimos anos como Gran Reserva, Velvet, Gran Hotel ou Bajo sospecha.
Ademais, Bambú Producións foi seleccionada pola multinacional Netflix para producir a súa primeira serie en España, Las chicas del cable.
Nesta listaxe, que busca dar visibilidade á muller no sector directivo da televisión, Teresa Fernández-Valdéz, que é a única española en lograr esta distinción, comparte protagonismo con directivas de compañías audiovisuais de Arxentina, China, Alemaña, India ou Canadá.
Non é a primeira vez que The Hollywood Reporter fíxase nela. En 2014, foi seleccionada como unha das cinco showrunners -os produtores que coordinan todos os aspectos da rodaxe dunha serie- máis importantes de Europa.