A Semana Galega de Filosofía será no Principal porque Novagalicia Banco quería cobrarlles 7.000 euros polo auditorio
Por Redacción
Do 1 ao 5 de abril desenvolverase no Teatro Principal a trixésima edición da Semana Galega de Filosofía. Unha cita co pensamento que este ano se centrará na memoria, tema escollido porque ao cumprirse 30 anos do seu nacemento os responsables da Aula de Filosofía Castelao querían facer un repaso sobre o pasado que "é unha lección maxistral que non podemos esquecer e parece que esquecemos e repetimos os mesmos erros. A actualidade volve a ser a mesma que foi hai 50 anos e 60 anos e as crises sistémicas vólvense repetir unha e outra vez e en lugar de averiguar cales son as causas, volvemos repetir as mesmas equivocacións".
Nesta edición dous dos máis importantes relatores invitados serán o escritor e xornalista Manuel Rivas e a ex maxistrada da Audiencia Nacional, co-fundadora de Xuíces para a democracia, Manuela Carmena Castrillo.
A edición deste ano trasládase ao Teatro Principal porque, segundo explicou o presidente da Aula Castelao de Filosofía, Carlos Calviño, porque a entidade bancaria propietaria do auditorio da sede de Novagalicia Banco pretendía cobrarlles 7.000 euros por utilizar este espazo que tradicionalmente acolleu este evento. "O ano pasado tentamos remedialo de maneira urxente. Entenden que non somos unha entidade lucrativa e deixaron o auditorio e entenderon que toda a publicidade que fixeron do evento era parte dese pago pero nós así non queremos", aclarou Calviño.
Esta mañá, os membros da Aula Castelao de Filosofía reuníronse co alcalde de Pontevedra e está previsto que mañá, xoves, ofrezan todos os detalles do contido da edición da Semana Galega de Filosofía este ano.