O Festival de Outono de Os Alegres, este sábado no Teatro Principal
Por Alejandro Espiño
O Teatro Principal de Pontevedra será o escenario, este sábado 19 de novembro ás 19.00 horas, do Festival de Outono de música tradicional que organiza anualmente a agrupación folclórica pontevedresa Os Alegres. A entrada será gratuíta ata completar aforamento.
Trátase dunha oportunidade, segundo destacou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, para que os espectadores poidan gozar nun teatro de grupos tradicionais que habitualmente actúan en romarías e que no Principal contarán cun son "diferente" ao estar "fóra do barullo habitual das festas".
Este evento, dixo, é "necesario" para que a xente poida apreciar o traballo artístico que realizan todas estas agrupacións.
Así, no Teatro Principal os espectadores poderán gozar a música de O Son das Ondas, especializados nos cantos de taberna; Maianas, un grupo de cantareiras e pandereteiras; ou dúo Arcodeireta, formado por un acordeonista e unha pandereteira; Os Xuncos, unha agrupación que recupera o folclore ourensán; ou Os Terribles de Donas, grupo do Val Miñor.
Completarán o festival as propostas de Juan Ruibal, Ardentía, os Gaiteiros das Rías Baixas e os anfitrións, Os Alegres.
Ademais, durante o evento entregaranse recoñecementos ao gaiteiro Óscar Ibáñez, a Xaime Estévez e ao grupo folk Treixadura.