As prazas de Pontevedra vanse de xira
Por Redacción
As prazas do centro histórico de Pontevedra vanse de xira. Comezan este venres 1 de marzo en Rianxo, pero continuarán ao longo dos próximos meses por Lugo, Ourense, Barcelona e moitas outras paradas que aínda non se poden dar a coñecer ao non estar de todo pechada a axenda.
Co obxectivo de atraer turismo nacional a Pontevedra a concellería de Turismo decidiu poñer en danza por todo España a exposición O latexo das prazas, integrada por doce imaxes tomadas por fotógrafos que desempeñan habitualmente a súa labor profesional en medios de comunicación vinculados á cidade. A concelleira do ramo, Carlota Román, desprazarase a Rianxo para inaugurala.
O latexo das prazas son olladas ás prazas do centro histórico a partir dos obxectivos de Rafa Fariña, Gonzalo García, Javier Cervera-Mercadillo, David Freire, Alba Sotelo, Guille López, Noé Parga, Ramón Leiro, Mónica Ferreirós, Carlos Puga, Miguel Vidal e Xan Xiadas.
Todos eles, baixo o comisariado de Ramón Rozas, "cambiaron o enfoque do seu traballo diario, sempre apegado á actualidade, para ofrecer unha visión "slow food" dos espazos nos que adoitan traballar como profesionais e polos que camiñan como cidadáns", segundo recorda o propio Concello.
Na súa xira, a exposición estará complementada polo vídeo Pontevedra é un amor, que ten acadado un gran impacto na Internet, onde superou as 60.000 reproducións. Tamén se entregará o catálogo da mostra, que inclúe as imaxes en formato postal, e unha introdución trilingüe (galego, español e inglés).