Culturgal pecha as súas portas consolidando as 15.000 visitas e pensando en 2017
Por Cristina Saiz & Natalia Puga
A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, pecha este domingo as portas da súa novena edición cunhas cifras de participación e balance de actividade que xa permiten confirmar que está consolidada como todo un referente en Galicia. A media tarde desta terceira xornada xa pasaron polo recinto feiral de Pontevedra preto de 15.000 persoas, e aínda faltaban por contabilizar as últimas horas.
A organización realizou un balance provisional da feira e indicou que se acadaron unhas cifras de visitantes "moi semellantes ás de 2016". Ademais, avanzou que o equipo xa empezou a pensar na nova edición de Culturgal, a décima xa, que se celebrará entre 1 e o 3 de decembro de 2017 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O presidente de Culturgal, Manuel Bragado, sinalou, a través dun comunicado, que o evento "está consolidado e establecido no calendario, nun espazo e nunha cidade que é Pontevedra" e destacou a "utilidade social" desta alianza entre industria, institucións e públicos na que "se mostran formatos e fórmulas colaborativas entre diferentes axentes".
Bragado destaca que a feira xa supera a etapa de lanzamento e consolidación, pois "xa podemos dicir que hai nenas e nenos que creceron con Culturgal" e a Feira "xa é adulta" e debe afrontar novos retos. Este obxectivo futuro pasa pola "necesidade de abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes".
Relacionadas:
-
Un espazo de arte contemporánea, novidade para a décima edición do Culturgal
Por Alejandro Espiño |
-
A terceira entrega de María Fumaça, gran estrea infantil do Culturgal 2016
Por Cristina Saiz |
-
O universo 'Paralaia' de Xosé Manuel Budiño revive no Culturgal
Por Cristina Saiz |
-
Flúe a actividade no escaparate da cultura galega, que "cada ano vai mellorando"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
'Escaquis e Romeu' empezan a escribir a historia do novo Salón do Libro
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Máis de 150 actividades para todos os públicos no Culturgal
Por Mónica Patxot | Creada e actualizada