O FICBUEU ampliará as seccións paralelas do festival no seu décimo aniversario
Por Redacción
A de este ano será unha edición moi especial para o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Cumprirán dez anos de actividade e están preparando unha chea de novidades para un certame que se desenvolverá entre o 9 e o 17 de setembro.
A máis importante é a previsión de ampliar de seis a nove as seccións paralelas, que se configurarán unha vez resulten seleccionados os vinte filmes da sección oficial.
Ata o 1 de abril permanecerá aberto o prazo para o envío das curtas, que este ano se fará a través da plataforma Shortfilmdepot. Poderán presentarse traballos estreados a partir do 1 de xaneiro de 2015, cunha duración que non supere os 30 minutos. O 15 de maio daranse a coñecer as obras seleccionadas, que serán valoradas por un xurado internacional.
Está previsto repartir uns 5.000 euros en premios, sumando os destinados a centros educativos.
As bases do FICBUEU 2017 recollen a proxección de ata 65 filmes, que sumarían aos vinte do concurso outros 45 das seccións paralelas: Galicia, Panorama, Latinoamérica, Comedia, Animación, España, Familiar, Emerxentes e festival convidado, das que as catro últimas supoñen unha novidade.
O obxectivo é contribuír á promoción das mellores curtametraxes realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional, así como ao impulso dos novos valores, prestando especial atención aos cineastas galegos.
Relacionadas:
-
O FICBUEU aposta por promover a difusión do cinema para todos os públicos
Por Redacción |
-
O amor ao cinema, cultivado desde o cole
Por Redacción |
-
Crean unha liña de axudas para certames audiovisuais de Pontevedra
Por Redacción |
-
Abre o prazo para que os centros educativos presenten curtas ao FICBUEU
Por Redacción |
-
Usuarios de Juan XXIII e actores profesionais rodan unha curta para o FIC Bueu
Por Redacción |
-
Arrancan as proxeccións para maiores dos centros de día do FICBUEU
Por Redacción |
-
A película croata 'Piknik', gañadora da novena edición do FICBUEU
Por Redacción |