A artista vasca Mónica Ortuzar, protagonista dunha nova exposición en About Art
Por Redacción
A galería About Art de Pontevedra inaugurará o vindeiro xoves 26 de xaneiro, ás oito da tarde, a exposición Archipiélago da artista vasca Mónica Ortuzar, profesora da facultade de Belas Artes desde o ano 1993.
A exposición, de base pictórica, está formada por unha serie de autorretratos inéditos, todos realizados no ano 2016 a base de acuarela e gouache nos que a autora asume os seus trazos fronte ao espello á vez que establece unha relación entre eles e os restantes humanos que lle rodean e que constitúen a súa compañía última no taller cando realiza a obra.
Na pintura de Mónica Ortuzar, o ser individual que é cada un fúndese nunha obra colectiva que son os seus autorretratos e todos eles forman parte desta última serie que se presenta na galería, dentro da temática central que abarca desde 2009, o autorretrato.
Agora, nesta exposición aparece unha característica específica que toma corpo nalgunhas destas pinturas repetindo máis dunha cabeza dentro do mesmo cadro, illas de acuarelas nun mar de gouache de cor azul ultramar onde cada unha delas funciona como illa independente e todas xuntas unifican a relación que enmarcan algúns dos seus cadros.
Ademais, elementos novos pódense visualizar nesta colección de acuarelas, como é o "trapo" que procede do uso de taller de limpar os pinceis, un obxecto abstracto que toma protagonismo neste momento.
A exposición, permanecerá aberta ao público desde o 26 de xaneiro ata o 24 de marzo en horario de martes a venres de 17.30 a 20.30 horas e sábados de 11 a 14 horas.