Volve o Galegote Rock, un festival de música para grupos que cantan en galego
Por Alejandro Espiño
Apoiar "a toda unha escena de música independente que se fai en galego e que ten moitas dificultades de chegar aos circuítos comerciais". Ese é o obxectivo, segundo o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, do Galegote Rock, un festival de música que chega á súa segunda edición. Nesta ocasión serán nove os grupos que participarán no evento, que se celebrará entre o 11 e o 13 de abril.
Na presentación do programa de concertos, Demetrio Gómez destacou a importancia da colaboración coas empresas locais para contribuír a dinamizar a economía local "e porque é un dos espazos onde máis falta fai a promoción da lingua". De aí que optasen por trasladar os concertos da rúa a unha sala de concertos da cidade, a Sala Karma, "poñendo así en contacto aos grupos co circuíto comercial".
Trátase, explicou Marcos Rivas, responsable da Sala Karma, dunha programación "diferente á do ano pasado" ao que axuda o feito de que se optou por concentrar todos os concertos na mesma fin de semana. A festa de presentación do Galegote Rock será o vindeiro 5 de abril na Sala Karma e nela actuarán El niño Elliot e Los amigos de los músicos, dúas bandas "que van a gustar moito".
Os concertos do Galegote Rock comezarán o xoves 11 de abril no Pequeño Karma. Alí actuarán Roger de Flor e El Marqués das Vinhas. Como destacou Marcos Rivas, repiten con respecto ao ano pasado, aínda que chegan con disco novo baixo o brazo. En todo caso, sinalou que "é case unha sinal de identidade do Galegote Rock e gustaríanos contar con eles todos os anos, xa que apenas se achegan por Pontevedra".
A actividade musical trasládase o venres 12 de abril á Sala Karma. Será cun triple concerto de Terbutalina, Martelo e Roxy Freire, tres grupos que ofrecen diferentes propostas de rock, desde o máis alternativo aos ritmos de garage e punk. E xa o sábado 13 será a quenda de Ataque escampe "un dos grupos máis recoñecidos do momento" e Fervellasverzas, a representación local neste festival.
A organización prevé abonos para a asistencia a toda a programación ou aos concertos:
- Abono presentación + concertos: 12 euros
- Abono concertos: 8 euros
- Abono por día: 6 euros
- Festa de presentación: 5 euros.
A venda anticipada será en La Casa Winchester, Rei Zentolo, Pequeño Karma e nas billeteiras electrónicas de www.entradasgo.com e www.ticketea.com.