"Ponte a Xogar", un divertido método de transmisión do galego entre os máis novos
Dende 2014 os colexios Parada-Campañó, Santo André de Xeve e San Benito Lérez participan cada ano nunha nova iniciativa de "Ponte a..." dentro das Actividades de Normalización Lingüística levadas a cabo polo Concello de Pontevedra en colaboración con Nova Xestión Cultural.
Para esta ocasión, a temática elixida foron os xogos populares galegos nunha edición que levará o nome de "Ponte a Xogar" co obxectivo de difundir tres deles: a billarda, os papaventos e os pelouros. Este é o cuarto taller de intercambio cultural que organiza o Concello con estes centros, que xa cooperaron noutras variantes do proxecto con cidades como Helsinki, Londes ou Berlín.
Durante tres sesións, que empezarán o 20 de febreiro para os colexios de Lérez e de Xeve e o 13 de marzo para o de Campañó, ensinarase a metodoloxía de xogo e a súa historia, incluiranse as novas tecnoloxías no seu desenvolvimiento e, finalmente, xuntaranse na Illa do Covo nunha xornada a favor da convivencia, a ensinanza desa pequena parte do folclore galego e por suposto, da súa lingua. Para José Manuel Tuda, profesor do CEIP de Lérez, este é o punto máis importante porque "os rapaces falan cada vez máis castelán e menos galego".
Aproximadamente cen alumnos de entre 5º e 6º de primaria participarán nesta iniciativa que xa vai pola súa cuarta edición e entre cuxos obxectivos destaca a transmisión do galego nos centros, a súa colaboración e, por suposto, a diversión para o alumnado. Ademais, contarán coa presenza de Mark Wiersma, co-autor do libro infantil Sira e o robot, para mostrar así a proxección internacional da nosa lingua.
Acompañando ao profesor, o proxecto foi feito público a mañá do 8 de febreiro por Alberto Oubiña en representación do Departamento de Normalización Lingüística e Cristina González por Nova Xestión Cultural. O resultado será compartido en ponteaeuropa.pontevedra.gal, para estimular a interacción entre os colexios a través das novas tecnoloxías.