Un recital diante da Deputación
"O 24 de febreiro, un libro en galego e unha flor". Esa é a premisa coa que a Deputación de Pontevedra quere homenaxear a poeta máis coñecida de Galicia, Rosalía de Castro, nada ese mesmo día pero 180 anos atrás.
O acto oficial foi presentado este xoves, 23 de febreiro, no Edificio da Deputación, a cargo dos deputados Eva Vilaverde e Xosé Leal. Tamén contan coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e as deputacións da Coruña e Lugo.
Con esta iniciativa preténdese resaltar a figura de Rosalía como o poeta máis representativa, non só de Galicia, senón de España pero tamén "a importancia de poñer en valor o noso e chegar ao resto do mundo", salientou Vilaverde. Con esta intención, a flor elixida foi unha camellia reticulata hibrida, cruzada en Portugal pero plantada por primeira vez na emblemática casa da escritora en Padrón e nomeada Rosalía de Castro na súa honra.
O acto simbólico realizarase a mañá do venres 24, e aínda que se votará a súa institucionalización ao finalizar, conta co apoio de todos os grupos políticos. Os deputados lerán poemas de Rosalía de Castro e entregarán aos asistentes camelias e libros. Estes últimos son o resultado do Obradoiro de Tradución Poética realizado o ano pasado na Illa de San Simón e organizado pola AELG.
O recital terá lugar ás 11:30 da mañá do venres 24 na escalinata do Edificio da Deputación Provincial e a el acudirán todos os partidos, a excepción de En Marea, por incompatibilidade horaria.
Relacionadas:
-
Fina Casalderrey, Xosé Monteagudo e Xosé Vázquez Pintor guiarán paseos pola Pontevedra literaria
Por Alejandro Espiño |
-
Deputados provinciais dan voz a Rosalía de Castro polo seu 180 aniversario
Por Antía Fernández Buján |
-
Marín celebra o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Sete linguas repartirán poesía no Obradoiro Internacional de Tradución Poética en San Simón
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |