Un 8 de marzo moi artístico para conmemorar o Día da Muller en Bueu
Con motivo do Día da Muller o próximo 8 de marzo, o Concello de Bueu organizará diversas actividades que diferirán lixeiramente das realizadas en anteriores ocasións. Así se anunciou a mañá do xoves 23 no Consello de Igualdade, ao que asistiron representantes políticos e varias asociacións de mulleres.
Como principal diferenza con respecto a outros anos, destaca a anulación da Gala da Igualdade, debido a que o seu obxectivo de homenaxear aos diversos colectivos femininos xa se cumpriu.
As celebracións do Día da Muller empezarán cunha declaración conmemorativa por parte do alumnado do IES Johán Carballeira, a partir das 12:00 horas no Centro Social do Mar. Tamén alí presentarase a imaxe gañadora que se utilizará para o calendario da XI Campaña de Educación Non Sexista e estrearanse os curtos e videoclips realizados polos estudantes que participaron no proxecto ExpresArte! sobre a perspectiva e violencia de xénero.
Pola tarde Carlos Bernárdez, historiador e escritor, impartirá unha charla sobre a figura de Maruja Mallo, artista lucense e residente ocasional de Bueu, á que se lle dedica o Ano das Artes.
Como noutras edicións, o VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares abrirá a súa convocatoria o día 8 e estenderase ata o 25 de novembro. Os gañadores serán premiados o próximo ano nestas datas.
Pero esta non é a única actividade con tinguiduras literarias da programación: o día 7 ás 21:00 horas realizarase na biblioteca Torrente Ballester un faladoiro literario ao redor da novela de Patricia Highsmith, Carol, adaptada recentemente á gran pantalla. Para complementar a actividade, o día 11 de marzo proxectarase a película no Cineclub de Bueu ás 19:30 horas e ás 22:00 horas.