Deputados provinciais dan voz a Rosalía de Castro polo seu 180 aniversario
Deputados das tres principais forzas políticas da provincia de Pontevedra reuníronse a mañá do venres 24 de febreiro na escalinata do Pazo Provincial para conmemorar a figura de Rosalía de Castro e recitar algúns dos seus poemas. Ao acto tamén asistiu Elena Gallego, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.
O recital celebrouse con motivo do 180 aniversario do nacemento da poeta compostelá e como acto previo ao pleno onde se votaría a institucionalización do día 24 de febreiro como o día de Rosalía.
Para iso, cada un dos participantes seleccionou un fragmento da súa obra como mostra da actualidade dos seus escritos e ideas. Poemas de Follas Novas e Cantares Gallegos foron os elixidos, incluíndo un exemplar da primeira edición de Follas Novas por parte da escritora Elena Gallego. "A Rosalía que defende un pobo, unha lingua, unha cultura, que pon en valor a muller galega e por suposto denuncia a inxusticia social", explicou Eva Vilaverde (BNG), que quixo traer ao recital a parte da autora que "máis me representa" e afastarse da imaxe triste e melancólica que se afai a mostrar.
Tras as palabras do precursor do evento, Xosé Leal, e do resto de deputados do BNG, PSOE e PP, incluíndo a Carmela Silva, foron postos a disposición dos asistentes diversos exemplares de obras resultantes do Obradoiro de Tradución Poética da Illa de San Simón.
Tamén se entregaron camelias, flor elixida como representativa de Galicia e que segue co lema do acto, "o 24 de febreiro, un libro e unha flor". Finalmente, o resultado do pleno foi favorable e o 24 de febreiro pasará a ser oficialmente o Día de Rosalía de Castro na Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Lino Pazos presenta o libro 'Veleros en el tráfico marítimo con Cuba (1800-1900)' este venres no Museo
Por Sofía Fernández Fuentes |
-
Un recital diante da Deputación
Por Antía Fernández Buján |
-
O 24 de febreiro agasalla un libro en galego e unha flor
Por Mónica Patxot |
-
Marín celebra o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro
Por Redacción |